acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Lectura do manifesto en homenaxe de Rosalía
O pasado 24, día de Rosalía, lemos un manifesto na súa homenaxe en seis lugares do noso país: A Coruña, Ferrol, Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo. Nesta cidade demos lectura ao manifesto Agustín Fernández Paz, Xosé M. Alvarez Cáccamo e eu mesma, como vedes na foto do Faro de Vigo (de J. De Arcos). Carme Kruckenberg, que ía estar tamén, non puido finalmente acompañarnos.

Foi outra ocasión para alzar a nosa voz contra os que unha e outra vez nos negan e teiman e ocultarnos.

Do manifesto:
"Nestes días para nós escuros, Rosalía, lembrámoste unha e outra vez. Os nosos ollos percorren infatigábeis os teus versos, de onte a hoxe, e a memoria rescata da súa entraña retallos de poemas que palpitan nas nosas veas e percorren o noso corpo todo. E preguntámonos se este frío imposíbel que se instala na nosa pel é o mesmo frío que ti sentiches ante os que teñen fama de honrados na vila, aqueles que, amparados hoxe no mandato estatutario que lles foi outorgado para promoveren a cultura galega e a defenderen fronte ás agresións, utilízano contra todo o que ti significas, minusvalorando a herdanza túa e todo o que de noso achan ao seu paso aqueles que non entenden non todo o que somos e o que significamos.
...
Os que hoxe nos negan, como a ti te negaron ao longo de tanto tempo, son da estirpe dos que te alcumaron de chorona, mixiriqueira e trastornada por sombras de incerteza, dos que ocultaron o xenio do teu verso construíndoche unha imaxe distorsionada para afastarnos da exactitude das túas palabras, co único obxectivo de impediren que o teu verbo incendiase a nosa vontade e a luz dos teus versos abrise ventás de claridade no noso coñecemento. Deformábante para ocultarte, mentían, como nos seguen a mentir hoxe para destruíren a nosa cerna e esborrallaren a espiral de conciencia que ti iniciaches un día, con ese atrevemento histórico que foi un verdadeiro contrato de xustiza co pobo de noso e co futuro.”
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 26-02-2010 17:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática