|
|
|
|
Sol de Inverno |
|
Unha das evidencias de que un libro nos gusta é que, malia ter máis de 500 páxinas, dámos cabo del en poucos días. E iso foi o que me pasou con Sol de Inverno.
Lembro ben o día da entrega do premio Xerais, porque xusto a noite anterior ceara con ela, e alegreime moito, porque penso que Rosa Aneiros é unha narradora a ter en conta, por iso eu nunca deixarei de recomendar Resistencia.
Este libro agradoume pola súa ambición, por ser quen de nos manter prendidas a el despois de páxinas e páxinas e por saber contarnos a historia de noso dunha forma tan íntima e persoal. Por procurar vacinarnos contra o esquecemento.
Porque Sol de Inverno é para min unha novela épica. Si!
Para min, Alfredo, a outra personaxe principal da novela, é en realidade a nosa historia, a historia de tantos homes e mulleres que loitaron pola liberdade na súa patria e que, vencidos, procuraron esa liberdade enrolándose en todas as empresas que por ela loitaron. Porque as galegas e os galegos estivemos loitando contra o fascismo, pola liberación de Francia, nas serras cubanas e no propio maio francés. Non sei se existe unha persoa que fisicamente estivese en todas esas batallas, mais iso non é esencial. O esencial e sermos quen de lembrar todas as vitorias e todos os fracasos, sabermos de onde procedemos e que debemos legar.
A autora omnisciente insiste: ?Lémbrao, Inverno,...?
Sol de Inverno é unha novela ambiciosa, moi ambiciosa, mais iso non é novidade ningunha en Rosa Aneiros, pois é a mesma ambición que nos demostrou en Resistencia ou Veu visitarme o mar. Por este motivo ten aínda máis valor.
Na súa extensión podemos establecer dúas partes ben delimitadas, aquela primeira en que Inverno é a protagonista dos feitos, o que se reflite na maior intensidade do narrado, fronte a unha segunda parte que se inicia na chegada a Cuba, en que Inverno pasa a ser unha relatora do que sucede ao seu redor. E o Ipanema, co seu navegar atlántico separa estas dúas partes na novela.
Para min vou gardar esa insistencia en lembrar, en non esquecer, e as habelencias do suxerido e non narrado ou os fíos de intriga que nos vai deixando até chegar a cada un dos pequenos desenlaces.
Curiosamente, estes días lía un poemario en que tamén se fala da perda da memoria, Palabras para un baleiro de Baldo Ramos:
Palabras que afondan na demencia
e auguran
un tempo de indefensión.
E tamén eu escribín contra a desmemoria, mais iso xa é outro tema...
(foto: Mesa redonda na Habana, Antía Otero, Teresa Moure, Rosa Aneiros e quen escribe) |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|