acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

En primeira persoa
Foto de Xaquín
Ás nove da mañá saímos da casa, o autobús recollíanos ás 9:30. Con tan só cinco minutos de atraso saímos cara ao noso destino: Compostela. Percorremos Galiza desde o Miñor ao Ulla, coa forza do noso amor no corpo todo.
O noso autobús ía completo e aínda houbo xente que non se puido anotar nel, algunha moza, que finalmente non puido acudir.
Viaxabamos cara ao norte, coa intuición certa de que iamos encher a praza do Obradoiro. Estaba certa, si, porque nestas dúas semanas atopei o que non atopara en tantos anos de sindicalismo, profes que ao verme entrar no centro para lles levar a propaganda da manifestación reuníanse comigo improvisando unha reunión non convocada na que falabamos, eles e elas tamén, do que significan realmente as bases do Decreto, de que significa unha agresión á nosa lingua, de que é aberrante, antipedagóxico, irrealizábel, un instrumento para crear conflitos nos centros, sustentado nun debate fraudulento, a aprendizaxe do inglés.
Lembraba que en todas as reunións convocadas estes días, que foron todas as que puiden facer, houbo a maior afluencia de profes que non houbo nunca. E cando en nome da Plataforma me dirixín a un auditorio de mozos e mozas atopeime con que alí estaban enchendo o seu salón de actos e nunca, nunca tiven unha aula máis atenta e silenciosa. Eu estaba abraiada, emocionada mesmo.
Lembraba que non parabamos de recibir chamadas nos locais da CIG preguntando polos buses a Compostela, que nunca nos soou tanto o teléfono.
Por iso, cada día que pasaba confirmaba non só o rotundo rexeitamento ao plurilingüismo da Xunta, senón tamén que a folga ía ser un éxito e que Compostela ía quedar pequena, como quedou.

Mais hai unha cruz nesta moeda dos días previos á folga, esa foi a entrevista co Conselleiro de Educación e o Secretario Xeral de Política Lingüística. Unha entrevista tensa en que o Secretario Xeral interrompía ao Secretario Nacional da CIG-Ensino na súa exposición, incapaz de escoitar, inflexíbel, como o Conselleiro, nas súas propostas, tan militante como os altos cargos do PP. Resultounos todo algo esperpéntico de máis, semellaba que tentaban ocultarnos nun lugar a parte, evitando o contacto entre as entidades que asistiamos ás entrevistas ou afastándonos das cámaras da TVG. E na sala B de xuntas respirábase a tensión, a tensión de quen está a defensiva ante a evidencia de que están sós, completamente sós, a horas dunha manifestación histórica, de dimensións inimaxinábeis aínda.
Fixeron todo o posíbel por ocultarnos, convocáronnos ás 18:30 e recibíronnos ás 18:50, deixaron para o final á organización sindical maioritaria e convocante da folga, establecendo unha orde nas entrevistas que só se explica desde o punto de vista mediático: recibiron primeiro a aqueles que entenderon podían ter posicións máis favorábeis para a Consellaría. E aínda así a folga foi un éxito. Se cadra Castelao diría hoxe: que despois de miles de enquisas amañadas, distribuídas con toda riqueza de propaganda e prohibicións ao profesorado, despois de presentar as bases case o derradeiro día do ano e de noite, despois de cartas individuais e anuncios no portal web, a folga que convocamos foi un éxito. Sodes, pois, uns plurilingüistas fracasados.

E nós... hoxe nós somos máis dos que imaxinamos ser, non só porque enchemos o Obradoiro, senón porque comprobamos, día a día, que cada vez somos máis, que medra o número dos que amamos a nosa lingua, que as mozas e os mozos móvense polo seu idioma, que estiveron alí, porque quixeron estar, unindo as súas voces, declarando os seus sentimentos, as súas ideas, comprobando que cando usan o noso idioma, cando o defenden non son raros individuos, nin extremistas, nin ensimesmados, nin acomplexados, son mozos e mozas que están no mundo, que fan o mundo.

Por todos eles, por todos os adolescentes que hoxe nos acompañaron eu, hoxe... son feliz.

Marta Dacosta, 21 de xaneiro de 2010.

Artigo enviado a www.gznacion.com
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 21-01-2010 21:20
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Non tiña previsto mais din na praza xunto co resto das boas e xenerosas persoas que por alí pasar#blgtk08#on.
Parabéns a todos os asistentes polo esforzo, mereceu a pena e isto só ben de comezar.
Comentario por Hermaco (22-01-2010 13:58)
2 Efectivamente, acaba de comezar#blgtk08#, mais nós imos ter ben folgos.
Comentario por Acuática (23-01-2010 18:22)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática