acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Querería que alguén me agardase nalgures de Anna Gavalda
Había tres anos que o libro andaba dun lado para outro, nunha desas moreas de libros que agardan a ser lidos. É un libro pequeno, mais demorou algún tempo máis porque esixía un esforzo suplementario, xa que foi adquirido para ser lido na súa lingua orixinal.
Compreino en Iparralde, e agora que volvía atravesar os Pirineos cara ao norte, pensei que era a mellor opción de lectura para as dúas horas de avión. E foi. Descubrín uns relatos magníficos, gocei co inesperado dalgúns deles, relín páxinas enteiras ansiosa de lle exprimir todo o significado buscando unha por unha as palabras que adiviñaba, mais non coñecía. Con este Je voudrais que quelqu’un m’attende quelque part abrín o meu apetito literario por outras obras de Anna Gavalda.
Creo que os que máis me impresionaron foron “O feito do día” e “Catgut”, mais non deixei de me sentir identificada con “Epílogo”. Mentres lía o relato pensaba como reaccionaría eu mesma nunha situación coma esa. Oxalá tivese a ocasión de comprobalo, mais os editores galegos, cando declinan a publicación dun libro, non marcan unha reunión e lle din á autora na súa cara que “non lle oculto que no seu manuscrito hai cousas interesantes e que vostede ten un certo estilo mais (agora veñen as consideracións sobre as persoas que escriben en xeral e o duro oficio de editor en particular)... Nós non podemos no estado actual das cousas e por razóns que vostede comprenderá facilmente publicar o seu manuscrito. En todo caso, eu seguirei con moita atención o seu traballo e saiba que eu poñerei sempre a maior atención. Xa está”.

E aí te quedas.
Unha tarxeta, un correo, e boas palabras sobre o orixinal, se cadra, mais a desculpa de que xa teñen marcada a publicación de varios libros durante un tempo importante.
En 1998 enviei Setembro a unha editorial. Afortunadamente respondéronme moi rápido dicíndome que tiñan comprometidos varios títulos para a colección até dous anos despois e que, por tanto, non podían publicar este orixinal. Eu xa imaxinara que sucedería algo así. Faltaba un día para rematar o prazo de entrega para o premio Martín Códax, e leveino a unha empresa de transporte urxente. O libro está publicado. Gañou o certame. E iso que eu pensara que non cumpría que me seguira presentando a certames literarios.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 13-12-2009 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática