acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Cándida Rodríguez, mártir de Sobredo
arquivo Marta DacostaQuen era Cándida Rodríguez? Nada sei dela. Mais estou practicamente segura de que esta muller traballaba noite e día por sacar adiante os seus fillos, no campo e na casa, arrincando da terra os froitos da súa suor, traballo polo que logo aínda tería de pagar unha cantidade da colleita.
Cándida Rodríguez, da familia dos Fontáns, morreu asasinada o 28 de novembro de 1922 por disparos da Garda Civil. Aconteceu en Sobredo, durante a concentración de labregos e labregas que acudiron en apoio de Ignacio Gómez a quen lle estaban a embargar as terras que traballaba. Cándida debía ter uns trinta anos e dous fillos e, na altura, estaba preñada do terceiro. Non dubidou en mostrar o seu apoio a un compañeiro labrego vítima dun sistema inxusto, e pagou a súa determinación coa vida.
Hoxe, oitenta e sete anos despois, aínda sinto a súa carraxe, a dor de reunir os mellores froitos da leira para pagar o foro mentres os nenos roían pan de boroa para escorrentar a fame. Chégame a súa ira xustificada ante a agresión da Garda Civil aquel día de novembro. E case oio a súa voz cando, antes de morrer, se dirixe á avoa de Xosé Piñeiro: “Vaite Inocencia, vaite, que eu para min xa levei”.

“¿Nai galega que diche a sangre xenerosa para calmar a sede rabiosa da Impiedade, nos agros de Sobredo froreceu unha rosa¡! Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade!” Con estes versos Cabanillas lembraba aqueles acontecementos de Sobredo. Os versos parecen referirse á inminente publicación do Decreto-Lei de 25 de xuño de 1926 (ano en que se publica este poema) que ía permitir que os labregos fosen donos das terras que traballaban, e deste xeito recollen que o sangue cruelmente derramado en Sobredo foi semente que fixo andar a roda do tempo.
En xullo de 1922 os labregos e as labregas reuníranse en Tui no Congreso Agrario. Alí toman a decisión de se mobilizar e, como medida de presión para esixir a eliminación do sistema foral, acordan que non se pagarán os foros.
Ignacio Gómez, labrego de Guillarei, leva adiante o acordo congresual e négase a pagar os foros das terras que el traballa. Entón o día 28 de novembro de 1922 preséntase en Sobredo o xuíz acompañado da Garda Civil, veñen a lle embargar as terras.
Un mozo do mesmo barrio apúrase a tocar as campás da igrexa e todos os veciños e veciñas corren cara a Sobredo para acudir, segundo eles cren, a un lume. E era, era o lume da inxustiza que abría as súas enormes fauces disposto a devorar vidas.
A Garda Civil ameaza os veciños e non dubida en disparar contra deles. Así morre Venancio González. Xaquín Estévez, que viña co seu carro como tantos outros días, deixou o cabalo parado e achegouse a ver o que pasaba. A Garda Civil instouno a que abandonase o lugar “aquí non tes nada que facer”, mais Xaquín négao, os foros son tamén o seu problema, o que está a acontecer tamén vai con el. Logo dirían que a el o matou unha bala perdida, accidental.
Aquel día moitos foron os feridos e tres os mortos: Xaquín e Venancio, veciños de Salceda, e Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis.
Esta fin de semana a Organización galega de Comunidades de Montes en Man Común e a Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía Castro” volveron homenaxear a aqueles labregos, os mártires de Sobredo. Un ano máis lembramos as súas inxustas mortes e honramos a súa dignidade alí onde foron asasinados, ante os que foron os seus veciños, ante os seus propios netos e bisnetos.
Xosé Piñeiro Trillo pertence á familia do mozo que tocou a campá e foi quen de convocar no lugar a máis de dúas mil persoas. A súa avoa Inocencia Trillo viu como caía ao chan Cándida Rodríguez. Xosé Piñeiro gardou a lembranza daqueles anos e converteuna en poema, o “Poema aos mártires de Sobredo” que alí nos recitou e que dá conta de todo o que aquel día ocorreu. É el que me conta todos os detalles e eu pregunto, pregunto por Cándida, quen era esa muller que con tanta decisión se puxo ao lado de Ignacio Gómez e mesmo perdeu a vida?
Non esquecerei os versos finais deste poeta popular de Guillarei que agasallou a nosa memoria con este poema épico:
“Os foros foron redimidos
Incluso fóra da bisbarra
Pero custoulle a vida a dous homes
E a unha muller preñada.”

Este é o artigo que se publica esta semana en www.gznación.com e que é unha versión máis extensa do publicado en A Nosa Terra . Quero agradecer a Xosé Piñeiro Trillo a información que me achegou sobre Cándida Rodríguez e o seu talento para escribir o fermosos poema que publicarei noutra anotación.
Comentarios (4) - Categoría: A muller que le - Publicado o 02-12-2009 20:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Non coñecía esa heroi#blgtk08#na da nosa historia.
Comentario por paideleo (06-12-2009 23:55)
2 Forma parte das tres persoas que comunmente denominamos Mártires de Sobredo. eu quixen centrarme na personaxe femi#blgtk08#nina e procurei algúns datos que agardo ampliar no futuro. Pouco máis sabemos que o seu nome e o día da sua morte.
Comentario por Acuática (09-12-2009 18:12)
3 Revisando en detalle a historia descubrimos estas sorpresas que compre recueprar.
Revisando uns documentos descubrín que a oposición veciñar a repoboación franquista de eucaliptos dos nosos montes deu lugar a #blgtk08#unha dura represeión que se saldou cun veciño morto en Mazaricos no ano 1966, deses feitos orixinouse unha lei que despois devolveu os montes veciñais aos seus lexítimos propietarios, as veciñas e veciños comuneiros.
Comentario por Hermaco (11-12-2009 12:38)
4 Ás veces deberíamos pensar que pisamos sangue, e desexar non volver facelo. #blgtk08#Ao falar ditos non podo evitar pensar en Aminatou Haidar e na súa valentía.
Comentario por Acuática (11-12-2009 20:29)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática