|
|
|
|
Henrietta Rae |
|
Na súa forma de ver o mundo, aínda nos presentan ás mulleres subordinadas ao noso titor masculino. Procurando información sobre Henrietta Rae, atopo un lugar en que a artista é presentada como a esposa do pintor Ernest Normand: ?Henrietta Rae was the wife of the painter Ernest Normand (married in 1884)?. Con esta fórmula maxistral a muller pasa a ser unha especie de talento asistido polo benévolo marido, que ocupa, sempre, o lugar principal. Ou sexa presentar a Sylvia Plath dicindo, non que era escritora, senón a muller de Ted Hughes, e logo xa se verá...
Henrietta Rae naceu nun clima de amor á arte, pois seu pai gustaba da literatura e o teatro e a súa nai estudara música co propio Mendelshon. Desde os trece anos iniciou os seus estudos que a levaron, entre outros lugares, ao British Museum. Foi unha muller que logrou moi cedo o recoñemento á súa obra, probablemente antes de casar con E. Normand, pois xa en 1881 ela mostraba os seus lenzos na Royal Academy. Se cadra por iso, e por unha conciencia feminista inusual para os tempos, Henrietta mantivo o apelido de solteira. Esa mesma conciencia feminista é a que a leva a ser outra das defensoras dos dereitos das mulleres, especialmente do dereito ao sufraxio, reivindicación central das mulleres do seu tempo.
Penso nos momentos que os pintores escollen para retratar a Ofelia. Millais retratounos unha Ofelia definitivamente morta, a beleza inmóbil da moza aboiando por entre un exhuberante xardín. Arthur Hughes retrata a Ofelia vestida de branco, como sorprendida recollendo flores, cunha mirada tristemente calma. Tamén John William Waterhouse pinta a Ofelia vestida de branco, unha Ofelia deitada na herba, abandonada aos seus pensamentos, porén, en 1910, o vestido de Ofelia tórnase gris, e a súa mirada fálanos da loucura. Todos eles retratan a Ofelia en solitario.
Henrietta Rae sitúaa fronte aos reis de Dinamarca, no momento en que comeza a recitar os nomes das flores que leva, ese momento en que a nai de Hamlet ve que a moza está a fuxir da realidade. No lugar que ocupa Ofelia a luz inunda o lenzo e así, Rae contrapón a luminosa imaxe da moza, como símbolo do amor, da beleza e da inocencia, á escuridade dos adultos que levantaron un pazo de corrupción e mentira.
O cadro que ilustra este comentario ten por título Azaleas e é do ano 1895 aproximadamente. |
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|