acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A axuda dun pincel experto
Hoxe rematei de ler A punto de partir de Li Bai, o poeta que me tivo absorbida estas semanas. Despois das cousas que levo escrito aquí e alá, creo que non teño que declarar unha vez máis que me admirou a súa poesía, a sinxeleza con que dá conta da paisaxe, espello do noso ser oculto, ou a actualidade de moitos dos seus versos.
A imaxe reproduce o derradeiro poema publicado no libro que parece que é o único que se conserva caligrafiado polo propio Li Bai (aínda que algúns estudosos cren que non é de Li Bai), un poema improvisado ante o emperador Xuanzong e que di así:

Inscrito ao subir á terraza Iang

Os montes elévanse, as augas esténdense,
son mil e dez mil as aparencias das cousas.
Se non é coa axuda dun pincel experto
como expresarei o puro e o grandioso?

Escrito ao subir á terraza Iang o día dezaoito,
Li Bai


Creo que terei que volver ler o libro, mais nesa nova lectura prescindirei das notas e deixarei libre á miña mente para que procure cada símbolo oculto. Ou non. Digo isto porque o viño é unha constante nos textos do chinés, porén, teño para min que cómpre facer unha lectura non literal do termo, contextualizada nun dos seus temas recorrentes: a paso do tempo, a fugacidade da vida...

Os que viven son viaxeiros de paso,
e os mortos son xentes que regresan.
Breve estancia dan o ceo e a terra,
choran este mundo en que todo é po.

Antano era un amante do que hai na copa,
e agora é só po debaixo dos piñeiros.


Ese viño tal vez sexa o símbolo dunha vida pracenteira:

Facede caso do meu bo consello, non rexeitedes esta copa...
Onte aínda eramos mozos de fazulas coloradas,
hoxe xa nos vemos urxidos polo cabelo encanecido.
Por todas partes medra a maleza no pazo de Shihu...
Desde os tempos máis antigos foron moradas de reis
e agora os seus muros pechan tan só po amarelo.
Se, sabéndoo, aínda seguides apartando o viño,
entón que terá sido das xentes de antano?


E sigo. Por que estou realmente impactada por esta poesía. Así que agora rematarei a antoloxía chinesa e despois (se son quen de agardar) comezarei con Santôka, mentres sigo tentando comprender Cabalos desbocados de Mishima.
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 03-11-2009 17:28
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática