acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Para honrar os defuntos
Na casa de meu pai hai unha lousa de pedra que ten esculpida en relevo unha coroa de loureiro. A obra naceu da man de meu avó paterno, canteiro de Matamá (Vigo), e segundo explica meu pai foi realizada para honrar os mortos republicanos de Belchite. Mais a pedra non viaxou xamais, eu non sei se meu avó pretendeu realmente enviala, ou se perdeu un pouco máis de saúde, alimentando a súa silicose, nun xeito de se honrar a si mesmo, mozo reclutado a punta de pistola no bando nacional.

A pedra non viaxou xamais. Un día pasou a formar parte da herdanza de meu pai e agora está ao fondo do corredor da súa casa, erguida sobre o moble de castaño encargado a pé feito.

Lembro este episodio familiar porque, cando se achega o día que a relixión consagrou para honrar os mortos, aínda me anda na cabeza un acto recente, unha homenaxe de desagravio a nove asasinados en Baiona e pregúntome, a pedra que Fernando Casás fixo nacer no seu obradoiro será soamente unha herdanza familiar ou colectiva, ou ocupará un día o lugar para o que foi feita, e honrará así a memoria dos fusilados?

17 de outubro de 2009.

Vai frío. Intramuros do cemiterio de Baiona vai frío, malia a calor e o sol radiante que fóra converte este día de outubro nun día de radiante primavera.

É 17, setenta e tres anos e un día despois do asasinato de nove mariñeiros na Bombardeira, un acto repulsivo que nomeou para sempre a aquel lugar de Baiona como Volta dos nove.

No día de hoxe estamos convocados aquí polo Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) co obxecto de homenaxear os asasinados e as súas familias e colocar unha placa que restaure parcialmente a súa memoria, poñendo o seu nome no lugar aproximado da foxa común en que foron tirados os seus corpos. Mais achegámonos indignados ao acto porque sabemos que o alcalde de Baiona negou o permiso para colocar a placa. Sucede entón que para os que solicitan colocar unha placa en memoria dos fusilados pola man do fascismo, para que, como para o resto dos que no cemiterio están, poida ser situada a súa memoria no lugar certo ou aproximado en que non repousan os seus ósos, non hai permiso. Unha pregúntase se non se debería desoír a sentenza denegatoria e colocar igualmente a placa, porque, pediron permiso os que os detiveron para un día levalos do lugar de detención á Bombardeira, onde no medio da noite foron fusilados e logo cargados como fardos no camión que os enterraba na foxa común de Baiona?

Eles non pediron permiso, non.

Estes non dan permiso, non.

Cando camiñaba cara á porta do cemiterio, para achegarme ao acto, puiden ver como no muro exterior aínda figuran o xugo e as frechas e non sei se rir, ou chorar. Os que negan o permiso para lembrar e honrar os mortos, manteñen a memoria da barbarie na forma do símbolo da Falanxe, malia a Lei da memoria histórica.

Os que denegaron o permiso, o grupo de goberno do PP e un independente cos seus votos en contra, agardaron ao día anterior ao acto, despois dos varios contactos de palabra e por escrito que realizaron os promotores, para convocar a Comisión de Honores y Distinciones, con carácter de urxencia, e acordar e comunicar, menos de vinte e catro horas antes, que denegaban o permiso porque non hai probas documentais de que os asasinados estean onde os familiares e o pobo todo de Baiona din que están os ósos dos nove mariñeiros. Peden probas documentais para negarlle ás familias o dereito a poder colocar ante unha placa as flores en memoria dos seus mortos. Engaden ademais que o lugar máis axeitado sería na Volta dos nove, e nós que lemos entre liñas entendemos que, claro, na Volta dos nove non se chama tanto a atención como no cemiterio de Baiona, preferen que rendamos homenaxe aos mortos nun lugar apartado, por onde ninguén transite e poida vernos, lonxe dos ollos dos que tal vez lembren de quen eran pais e avós os encargados do camión que transportaba os fusilados nas noites de terror do trinta e seis.

O acto é sinxelo, é emotivo, magoante porque os familiares dos mortos só poden colocar un papel co seu nome enriba da herba húmida, nada do previsto pode ser realizado.

No cemiterio unha gaita solitaria honra os mortos, do outro lado do muro o campo de fútbol tenta apagar as súas notas estremecidas, os berros dos que se allean á realidade do mundo en que viven, dos que non ocuparán tempo en coñecer cal é pasado que nos constrúe non conseguen apagar as palabras dos netos que tragan as bágoas e aínda non entenden por que non poden ver na parede do cemiterio o nome do seu avó. Por que cando volvan ao cemiterio o día de defuntos non haberá unha placa ao pé da que pousar unha flor de lembranza e homenaxe.

Este artigo foi publicado en www.gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 31-10-2009 11:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática