acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Rumorosos
“Que sabedes vós, vellos piñeiros?, Para quen lanzades brandos rumores?”

Lin estes versos unha e outra vez. Non, non son de Pondal. Foron escritos mil cen anos antes, nas antípodas do Monte Branco, pola man de Li Bai, poeta chinés que, para min, garda máis ca esta semellanza co autor de noso. Así, Pondal considera os corvos aves maxestosas que representan o bardo, lonxe dunha tradición popular que os reducía a simples agoireiros. Li Bai identifícase coa ave Peng, unha ave fabulosa de grandes dimensións que é quen de acadar alturas inmensas, representado así a sabiduría e a liberdade. Escribe Li Bai antes de morrer: “O gran Peng levanta o voo... o vento remanente axitará xeracións.” E si, porque aquí estamos, trece séculos despois, admirando o seu verso. Din as biografías que Li Bai era un vagabundo, un aventureiro, un excéntrico, e a min ségueme lembrando a Pondal, ao Pondal que se reunía na Cova Céltiga e debatía sobre o pasado glorioso da nosa terra, en tertulias como as que compartía Li Bai con outro poetas do seu tempo, mentres viaxaban na procura de mecenas. Mais hai un punto de unión entre ambos os autores que vai máis alá da súa obra, unha ponte que une, por riba do tempo, dúas culturas tan diferentes, como distantes. Escribe Guojian Chen que a poesía chinesa, máxima expresión desa cultura oriental, destaca pola presenza da natureza e explica que non podía ser doutro xeito nun país que durante milenios viviu da agricultura e está moi vencellado á terra. Borremos a palabra chinesa e leamos de novo, é da poesía galega do que estamos a falar.

Tan pequenos e afastados, mais tan universais.

Artigo publicado en A nosa Terra.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 11-10-2009 11:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática