acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Poesía de verdade (e II)
Falaba no artigo anterior da consideración e a proxección da poesía entre os chineses. Debo recoñecer que quedei impactada por moitas das cousas que lin na introdución a "Poesía china elemental" de Guojian Chen, de aí que comezase procurar máis poemas de Li Bai dos que contén a antoloxía, pois este autor co que se inicia, acapara, nestes momentos, toda a miña atención.

Así que recuperei "A punto de partir" do andel. Trátase dunha compilación de 100 poemas feita e traducida por Anne-Hélène Suárez Girard, para a a editorial Pre-Textos. Suárez Girard recolle tamén na súa introdución que en tempos da empreatriz Wu Zhetian (684-704), a poesía pasou a formar parte das probas dos exames imperiais que daban acceso á función pública. Mais Suárez explica cales foron as motivacións de Wu Zhetian para realizar este tipo de probas: "precisamente para apartar do goberno ás grandes familias da nobreza e consolidar o seu propio poder facilitando o ascenso de homes procedentes doutras capas sociais". Esta aclaración dálle aínda máis valor á estratexia seguida pola emperatriz, de quen debemos saber que antes de raíña foi concubina, e tamén que parece que estivo disposta a calquera táctica para acadar o poder e manterse nel, pois, para alén de que tivese un carácter máis ou menos cruel, o certo é que a sociedade do século VII, e a posterior, non aceptaba unha emperatriz.

Mais, historia e lendas a parte, volvo falar hoxe de poesía para pór enriba da mesa un tema no que quedei pensando estes días, despois da publicación do último artigo, e é o concepto de "cultura xeral".

Hai quen se escandaliza se unha, para quen a ironía é unha das ferramentas preferidas, fala de pedir que nas probas á función pública a poesía sexa proba excluínte. E entón penso eu, e logo Manuel Curros, Rosalía Castro e Eduardo Pondal non forman parte dos programas de literatura da escolarización obrigratoria, como forman parte Cervantes ou Shakespeare? Pois creo que moitas persoas son quen de repetir aquilo de: "Nun lugar da Mancha de cuxo nome non quero lembrarme, non hai moito tempo que vivía..." ou "Ser ou non ser, velaí a cuestión". Entón non van poder dicir dous ou tres versos dos autores anteriores despois de estudalos na ESO (ou en EXB ou en BUP) e ter oído algunhas cancións baseadas nos seus poemas? Parece que é excederse pensar que forme parte dos nosos coñecementos habituais algún daqueles versos que denunciaron as políticas de emigración masiva no XIX, "Adiós ríos, adiós fontes" ou "Unha noite na eira do trigo"? (por que non me atrevo a considerar que puidese ser de dominio común quen eran Roi Xordo, Pardo de Cela ou Lugrís)

En fin. Parece que saber quen era El Cid, que o Hamlet escribiuno Shakespeare, que Velazquez pintou as Meninas, que El Greco pintara figuras moi estilizadas, saberse o nome dos reis da Casa de Austria ou dos Borbóns si forma parte da cultura xeral, mais coñecer algo dos tres autores modernos máis representativos da nosa literatura, quizais é pedir de máis. Un médico ten que saber diagosticar unha gripe ou unha conxuntivite, mais escribir con certa corrección ou ter algo de cultura literaria, élle absolutamente innecesario.

O caso é que, metáforas por medio, ironía na man e poesía na boca coma sempre ando, eu do que quería falar era de que andamos arredor de nós e non nos dá chegado o mapa de Fontán que nos oriente, aquel que fixo que Adrián Solovio se recoñecese e se atopase a si mesmo, despois de procurar en tantos outros lugares que non eran a terra nin a cultura de seu.

En todo caso, perdóenme a literatura!


Artigo publicado en www.gznacion.com
Comentarios (3) - Categoría: artigos - Publicado o 05-10-2009 21:01
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
3 Comentario(s)
1 Non, perdóenos a nós, se cadra, pola nosa ignorancia. Non n#blgtk08#os deixe de ilustrar das poesías do mundo e da nosa terra.
Comentario por hermaco (06-10-2009 22:14)
2 NOn, eu non teño nada que perdoarlles, aínda que se mo per#blgtk08#miten querería seguir falando de poesía, non podo evitalo.
Comentario por Acuática (06-10-2009 23:56)
3 Teño anos para recordar un tempo no que a voz e #blgtk08#o pensamento propio era máis doado de expresar.
Comentario por Loli (07-10-2009 15:54)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática