acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Poesía de verdade
Leo a introdución con que Guojian Chen abre a súa antoloxía sobre a poesía chinesa, feita coa intención de que as curiosas que habitamos, ao noso pesar, este mundo globalizado e andamos día tras día tentando emular a velocidade da luz poidamos ter unha idea da poesía chinesa, parella do que pode ser o coñecemento dun neno de 10 anos naquel país, onde os pais lle aprenden aos nenos poemas de memoria.

Desde logo non é suficiente, mais é un pequeno parche para esta fame imposíbel de satisfacer, que agora anda ás voltas co oriental.

Gozo da lectura da introdución, gozo moito, até sorrío, ou río, mentres leo sobre a extremada importancia da poesía chinesa. Non lles preocupa aos chineses que este sexa o seu xénero literario por excelencia, non están preocupados pola posición da novela na súa literatura, din alto e claro que a poesía é a máxima expresión desa cultura oriental. Vaia, coma os galegos.

Leo máis e aprendo que a poesía en China ten unha enorme divulgación (como aquí!), versos son os poemas que cantan nas tabernas, as inscricións nas paredes dos santuarios ou das oficinas de correos... A poesía está sempre na vida dese pobo que con cinco anos aprende poemas de Li Bai, un poeta que caligrafiou os seus versos hai mil trescentos anos e segue a ser un dos poetas esenciais das súas letras.

Tan presente está que chegou ser requisito nas oposicións oficiais durante séculos desde o reinado de Wu Zhetian (684-704). E penso eu, canto ben nos faría que no acceso á función pública houbese unha proba eliminatoria que consistise en recitar debidamente os versos de Aires da miña terra ou Follas novas, redactar un texto sobre os motivos que levaron a Curros e Castro a escribir tan importantes libros, ou reflexionar sobre os motivos da épica de Pondal. Só por citar o imprescindíbel.

"... Quen desexaba entrar no estrato dos gobernantes do Estado, tiña que coñecer ben a poesía e ser poeta ou polo menos versificador ...". Pois claro, ou como se pode gobernar este país de noso, esta terra vella, sen ser quen de comprender a desesperada autocrítica dos versos de Manuel Antonio, fomos ficando sós, ...As nosas soidades veñen de tan lonxe ...Pero tamén sabemos a manobra dos navíos que fondean a sotavento dunha singradura.

E deste xeito vimos a saber como a poesía chega formar parte non só dos discursos políticos, senón mesmo dos informes de traballo e dos documentos gobernativos. E penso eu, que nada sería máis axeitado que no seu día a Lei de Normalización Lingüística viñese introducida polo fermosísimo Lingua proletaria do meu pobo, para que no seu artigo 1 puidésemos dicir, con toda a autoridade da poesía: falámola por que si, porque nos gusta e queremos, porque nos dá a gana.
Xa coñecía os versos de Mao, a pegada neles de Confucio, e agora sei que confucionismo, budismo e taoísmo son influencias fulcrais na poesía chinesa. E en Confucio bebeu Mao das augas da realidade que se unían ás augas da poesía, facendo dos versos bandeiras coas que erguer a voz e os brazos pola terra máis amada. E penso nos poemas máis fermosos que un día cantamos, co corazón na boca, berrando malia a censura e ausencia de liberdade de expresión: Non podemos durmir anque a canseira nos peche o corazón, ollos e mente. Temos que espertar. E nesta xeira berrarlle a todo o mundo, a toda a xente: "!Estamos enterrados entre nebras, estamos afogados entre prantos! Temos que basoirar tódalas tebras, sepultar os arrepíos e os espantos!

Tan lonxe e tan preto. A verdade da poesía é a nosa verdade. Nós tamén debemos memorizar os versos que logo pintaremos en todos os muros e fachadas: Galiza somos nós, o pobo e máis a fala.


Artigo publicado en www.gznacion.com
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 30-09-2009 20:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Poesia e revolución, dous asuntos que van e veñen mais que nunca desaparecerán do#blgtk08# planteta mentres haxa dous seres humanos ou o que sexa minimamente intelixente.
Comentario por Hermaco (01-10-2009 21:13)
2 Iso agardo, que a poesía permaneza...#blgtk08# e a revolución tamén, a de verdade.
Comentario por Acuática (02-10-2009 15:18)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática