acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

“... A tea dos teus soños non se move”
De wikipedia: estatua de Penélope no VaticanoDicíao Díaz Castro: “Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move.”
Levamos meses dando pasos atrás, meses escoitando a palabra austeridade, meses falando de redución do gasto por mor da crise, meses en que se retiraron axudas económicas estratéxicas como as destinadas aos programas de inmersión en lingua galega en centros de Infantil ou a gratuidade dos libros de texto. Foron deseñando un paquete de medidas para reducir alí onde os seus principios ideolóxicos esixen: agrupamentos en Infantil e Primaria para reducir profesorado e gasto en centros educativos, aínda que os nenos e as nenas non caiban nas aulas, incremento do horario lectivo nas EOI para poder reducir profesorado, etc.
Aforran en ensino público, pois para eles non cómpre que todos teñamos as mesmas oportunidades, nada de igualdade, un ideal trasnoitado do século XVIII. Na economía neoliberal e ultraconservadora impera a selección natural da capacidade económica, se tes medios poderás chegar a algo e, se non, a nutrir as masas de peóns non cualificados tan necesarias para manter os beneficios duns poucos privilexiados, que procurarán que cada día gañen menos e traballen máis, segundo o vello método da alienación eficaz para someter a aqueles que son máis en número e que non precisan saber “de máis”, nin cultivar o pensamento crítico e, por suposto, nada de afección á lectura, que hai moito intelectual por aí sementando en papel unha concienciación que non precisan.
Están no poder para manter o seu status quo, esa é a súa maneira de gobernar. Por iso adoptan as medidas necesarias para que esta sociedade sexa á súa imaxe e semellanza como volver conceder subvención a centros privados que segregan o alumnado por sexos (Monte Castelo, Las Acacias, Aloya...), e por iso procuran erradicar calquera imaxe do pasado: así os mandilóns e imaxe corporativa das Galescolas... E claro, ao falar deste “desfacer a tea de Penélope”, xa non nos lembramos da austeridade, nin da redución do gasto por mor da crise, neste caso non haberá problema para dotar orzamentariamente e como é debido esa nova imaxe, e para isto si, para contratar a vaia vostede saber que empresas que terán o lucrativo negocio de remodelar a imaxe corporativa, igual que para financiar os colexios que segregan por sexo, para iso si, para iso vai haber orzamento. Para os libros de texto non, para mandar a nena a “Las Acacias” si. Para a compra de libros á Asociación Galega de Editores non, para Galicia Bilingüe si. Para a tradución á nosa lingua non (eles que din que si, que están coa promoción do galego...), mais para os bancos de formigón do Gaiás (de máis de 9000 euros algúns), ou para cinceiros e losetas, para iso si, e antes falaban dos audis... (e a min que me dá que non hai o mesmo ensañamento agora coas losetas que antes houbo coas neveiras e cos iates?... Debe ser cousa miña).
En fin. Eu volvo á poesía e, como me corresponde por xeración, á deconstrución dos mitos herdados, así que síntoo, mais
eu son Penélope
e rexeito teas e fíos
non vou agardar
”.


Artigo publicado en gznacion.com
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 18-08-2009 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática