acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Un minuto para lembrar
Por motivos que non veñen ao caso, ando estes días a ler A cidade e os días, calendario histórico de Vigo, de Xosé María Álvarez Blázquez. Gozo da lectura e, ao tempo, non fago máis que pensar na importancia daquela sección que antes víamos con maior frecuencia na prensa escrita, as efemérides, unha boa escusa para lembrar cada día un episodio da nosa historia máis recente ou afastada.

As efemérides de Álvarez Blázquez son un verdadeiro regalo, pois o autor non se limita a consignar brevemente o acontecido ese día senón que se estende todo o necesario e o posíbel sobre aqueles episodios que merece a pena lembrar. E non só iso, Álvarez Blázquez realiza efemérides históricas, ou sexa, pescuda na historia de Vigo, apréndenos a historia da cidade. Así que da satisfacción inicial de saber que o convento de Santa Marta, que forma parte da paisaxe da miña infancia, foi hospital dos franceses durante a invasión de principios do XIX, un hospital asistido polos franciscanos que aproveitaban para lle roubar aos feridos as armas e distribuílas aos resistentes, colaborando así na reconquista, paso á pensar unha e outra vez que somos uns ignorantes na nosa propia historia. Cando camiñamos as rúas da cidade e lemos Luís Taboada, Policarpo Sanz ou Velázquez Moreno descoñecemos que esa rúa, Luís Taboada, leva ese nome desde 1904 en homenaxe ao escritor de crónicas humorísticas moi seguidas a mediados do XIX; que o 26 de agosto de 1890 se leu o testamento de Policarpo Sanz, quen legou todas as súas posesións á cidade: unha colección de pinturas e fondos para a construción do instituto Santa Irene e un hospital da caridade, cun departamento para "paridas pobres"; ou que Velázquez Moreno foi o construtor do primeiro teatro vigués, en 1832, na Praza da Princesa, fronte ao antigo Concello. As efemérides permítennos saber que o Teatro Rosalía de Castro, hoxe Auditorio do Centro cultural Caixanova, foi inaugurado o 15 de xullo de 1900, ao cumprirse quince anos do pasamento da nosa escritora e na súa homenaxe, homenaxe que hoxe desapareceu da memoria das xeracións máis novas que xa non saben que ese centro cultural fora un teatro e tiña ese nome, cousas do capitalismo, que restaura ao seu xeito e nos borra a memoria.

...

En fin, que as efemérides son como un nobelo polo que ir tirando aos poucos, en diferentes direccións, de distinto xeito, mais sempre para un mesmo pouso, sabermos un pouco máis de nós, alimentar a nosa memoria cos pasos que viñemos dando, tan aos poucos, e que nos traen ao día de hoxe, pasos que nos explican e nos advirten sobre determinados camiños a seguir.

Falo de Vigo, falo de Álvarez Bláquez para reivindicar un oco para a historia de noso, unhas poucas liñas que baixo o pretexto do que sucedeu hoxe nos iluminen e nos constrúan.

29 de xullo.

Galiza

1936: El progreso de Lugo publica que o pasado domingo 26 de xullo, ás catro da madrugada, Julio Sas Barroso e Tomás Fuentes Velo, de vintesete e vinteoito anos respectivamente, ambos os dous veciños de Betanzos foron fusilados polo Exército. Opuxéranse ao Exército na estrada de Betanzos a Ferrol. Ese mesmo día ingresou na cadea de Betanzos Tomás López Da Torre, alcalde pola Fronte Popular e Deputado provincial.

1961: morre en Santiago Aquilino Iglesia Alvariño autor de Cómaros Verdes, entre outros poemarios, primeiro libro de poesía editado en galego despois da guerra.

2005: iníciase o goberno de PSOE e BNG coa toma de posesión de Emilio Pérez Touriño, despois de 16 anos de goberno do Partido Popular.

Mundo:
1966: en Arxentina tivo lugar a "noite dos bastóns longos", foi durante o goberno do ditador Onganía, en que a policía agrediu a estudantes e profesores dalgunhas facultades da Universidad de Buenos Aires, dando lugar a numerosas renuncias de docentes.


O artigo enteiro está en www.gznación.com

(imaxe: incendio do Teatro Rosalía Castro en 1910, imaxe tomada da páxina: http://www.udc.es/dep/com/ingles/barbon/barbon.html)
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 29-07-2009 13:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Que extrana sensación ler unha efemérids que pare#blgtk08#ce nunca ter sido. Voltamos ao ano I da Nova Era.
Comentario por Hermaco (03-08-2009 09:25)
2 De verdade lle produce esa sensación? Daquela cómpre insistir en que sucedeu #blgtk08#realmente, e sio que só pasaron catro anos... Como será dentro doutros catro!
Comentario por Acuática (04-08-2009 09:49)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática