acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

O vagón das mulleres
"Até principios de 1998 había un despacho de billetes especial para as señoras, os anciáns e os minusválidos na estación de ferrocarril do distrito de Bangalore. E na maioría dos trens nocturnos da India con compartimentos de segunda clase, había un vagón para mulleres.”

Con estas palabras da Nota da autora iníciase a novela O vagón das mulleres, de Anita Nair, unha escritora hindú nacida en 1966. O libro é do ano 2001, eu lin a oitava edición publicada por Alfaguara desde o ano 2002, o que dá boa proba do éxito da novela.

A novela parte do pretexto da reunión de mulleres (mentres a lía lembraba a Marcela Serrano ou a María Reimóndez), seis mulleres nun vagón para mulleres durante unha noite de viaxe, unha noite na que se van contando as súas vidas, desde a máis axeitada segundo os modelos sociais impostos, até a menos aceptada, a que nunca, nin aquí, nin alá, sabemos entender. As historias van pasando aos poucos, radicalizándose na súa desobediencia social, para que a protagonista poida tomar a súa decisión: vivir a súa propia vida.

Houbo un capítulo que me gustou especialmente, pola forma en que está contado, é o capítulo “Aceite de vitriolo”: “Entre os cinco elementos que constitúen a vida, eu considérome auga. Auga que refresca. Auga que cura. Auga que esquece. Auga que acepta... Auga que tamén destrúe... Como se miden os sentimentos? Cun tubo de ensaio ou unha pipeta? Cunhas espátula ou unha balanza de precisión?”.

Nalgunhas recensións que vin pola rede cualifican a novela de bestseller e nalgunha mesmo dicía que era doada de ler. Éo si, e tamén acadou a tiraxe dun bestseller, mais ningún dos dous cualificativos lle restan nada á novela, da que gocei intensamente estas dúas semanas e que recomendo tanto como estas palabras da autora.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 28-07-2009 21:45
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática