acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Apropiándonos do noso idioma propio.


Tiñamos unha cita co noso idioma propio.
Entón non importou que a chuvia xa anunciase,
mentres abría o día, a segura presenza que, ao longo das horas,
tería canda nós na cita necesaria.
Así que camiñamos, con tempo, cara ao norte,
alá onde a pedra garda as voces de nós todos,
nese lugar de estrelas do que nos apropiamos,
unha vez e máis outra, por sempre no futuro.

Entón, como era a data, a voz do Conselleiro,
de Cultura, acompaña a viaxe(informativos das 10),
e soubemos así, dun feito nunca visto, a gran modernidade
que para nós reserva. Volveu asegurarnos que promocionará
a cultura, a Valle e a Torrente, tal vez a José Cela,
e por que non abrirnos a terras estranxeiras,
representar aquí a Hamlet in english, naturally,
convidando a Royal Shakespeare Company,
con subtítulos en galego. Entón imaxinei,
descúlpenme a broma, a Kenneth Branagh coa caveira na man,
nese momento intenso, to be or not to be,
mentres das bambolinas xorde un bailarín esvelto,
portando con estilo un cartel ben visíbel,
que para nós traduce: ser ou non ser, aínda esa é a cuestión.

E xa en Compostela deixamos aos máis novos,
na fronte desa marcha de miles e milleiros.
Alba e Aldán, Paula e Ana, apropiáronse da lingua,
como sempre se apropian, porque a queren e a aman
e porque lles é propia, e ían reclamando que así lles siga sendo.
Todos apropiándonos do noso idioma propio,
mentres no extremo oposto, en Láncara o presidente,
apropiábase tamén do ideario de Piñeiro.

E eu digo como Callón berraba na Quintana,
aprópiese tamén do noso idioma propio, cordialmente se quere.
Porque,
señoras e señores que van a gobernarnos,
cordialmente,
sexan bilingües:
fálennos en galego.

Este é o artigo publicado esta semana en A Nosa Terra e gznacion.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 22-05-2009 17:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática