acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Compañeiros
fotografía tomada do blog: http://www.blogoteca.com/ofalarnontencancelas/O día 9 de marzo (precisamente o día en que morreu Kollontai)estiven en dous centros de secundaria falando da cuestión feminina desde unha perspectiva literaria, desmontando personaxes como o de Ofelia, e falando dos problemas de espazo e recepción das escritoras, nomeadamente do caso de Rosalía, unha adiantada ao seu tempo, tamén nesta cuestión.

Días despois algúns alumnos trasladáronme esta pregunta: “Algúns rapaces sentímonos directamente aludidos como responsables da situación discriminada da muller. Temos a impresión de que só temos un papel negativo e gustaríanos que nos explicaras que opinas ti. Esperamos a túa resposta...” Respondín todo o rápido que puiden, mais é unha cuestión que me parece axeitada e central, porque falamos do papel que todos temos, da importancia da toma de conciencia de todas e todos, porque cando falamos da cuestión da muller, estamos falando, nin máis, nin menos, que da nosa sociedade enferma e, por tanto, da urxencia da súa transformación.

Dicía Alexandra Kollontai por volta de 1909: “as mulleres proletarias... non ven os homes como inimigos e opresores, pola contra, venos como compañeiros que comparten con elas a dureza do día a día e loitan ao seu carón por un futuro mellor. Tanto a muller coma o home proletarios atópanse escravizados polas mesmas condicións sociais, oprimidos polas mesmas cadeas odiosas do capitalismo que os privan das alegrías e praceres da vida. É certo que algúns aspectos específicos do sistema contemporáneo pesan o dobre na muller...”. Isto é o que subxace na resposta que lles din inmediatamente, que nos necesitamos as unhas aos outros, e que todos somos vítimas deses sistema que ten na opresión e na invisibilización da muller un dos seus síntomas principais.

Con isto non quero deixar de lado a realidade, unha realidade terríbel da que os nosos compañeiros de viaxe deben tomar consciencia e activarse contra dela, pórse tamén na primeira liña da denuncia e do combate para erradicar esta violencia que nos está matando. Aos nosos compañeiros correspóndelles estar atentos para identificar que actos son unha cruel reprodución dos estereotipos que nos relegaron a un plano escuro e rexeitalos, dialogando con nós para a necesaria construción da sociedade que todos precisamos. Mais tamén as mulleres debemos estar atentas, ao fin e ao cabo, mulleres e homes somos vítimas dunha educación social errada, que entre todos e todas debemos transformar.

Mais contamos con eles, contamos con vós, amantes e fillos, amigos e alumnos, porque as vosas mans firmes e decididas, comprometidas nesta loita que verdadeiramente é común, serán o noso mellor apoio para continuar e avanzar.

Para que quede un pouquiño máis claro, podemos botar man da palabra literaria, especialmente do capítulo “Amor(ot)es ventureiros” de A cabeza de Medusa, de Marilar Aleixandre, un capítulo en que o amor e o entendemento aparecen como o mellor antídoto e a mellor cura para esta enfermidade social, como o mellor potenciador da valentía necesaria para enfrontar o traballo necesario.

“(Sofía) - ... denunciar unha violación tería que ser tan normal como denunciar a un tipo que che atropela un pé cunha moto... mais a meirande parte non denuncia. E a miña situación é mellor que a de moitas rapazas, téñote a ti, teño o apoio de meus pais...
(Rubén) – Tesme a min, miña nena. Tes este caníbal en alma e corpo.”

(a foto, que é do acto do día 9, tomeina prestada do blog http://www.blogoteca.com/ofalarnontencancelas/, do IES Lagoa de Antela. O artigo está publicado en gznacion.com)
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 19-03-2009 12:43
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática