acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Vai por ti, avoa!
arquivo Marta DacostaA foto é de pésima calidade, mais no ano 74 era o que tiñamos. Aínda así eu sei que no fondo da foto, no seu centro, está sucedendo unha pequena parodia.

Era o 13 de xullo, un día de calor soportábel. Eu viña de comungar, nunca mellor dito, cos costumes sociais impostos, ineludíbeis aínda, malia que meu pai quedase fóra da celebración e iso fose unha causa máis na longa lista do cura controlador da parroquia en que viviamos.

No fondo da foto, á esquerda, sentada e con xesto de “non me fagas iso”, está a miña avoa Saladina, de pé está o seu cuñado Antonio, sempre bromeando, que tenta darlle de comer. Ao outro lado estou eu, medio distraída, despois de cumprir coas convencións sociais sen pena nin gloria.

A foto vén a conto de que a miña avoa cumpriu 87 anos este pasado xoves, o 26, e pasa así a ser unha das máis lonxevas da súa estirpe, que é a miña. A miña avoa non lembra nada do que pasou o 13 de xullo do 74, nin de novembro do 75, nin da reconversión naval, por non lembrar non lembra a morte do seu compañeiro, o meu avó Suso, que falecía no ano 2004. A miña avoa non me coñece, nin sabe que a muller que vive con ela e á que ve todos os días é a súa filla máis nova. Mais ri, ri con miña nai que coma sempre non para de falar, e ri mentres se inclina sobre ela para lle dar un bico: “pobriña ela tamén quere”, di.

Non lembro á miña avoa enfadada por nada, se cadra triste nalgún momento dos que lle tocou vivir. Sei que pasou a vida a traballar e traballar e traballar, e que aínda hoxe hai case que prendela á cadeira para que non se poña ao pé do fregadeiro disposta a lavar o que sexa. Porque iso si, sempre di o mesmo:
-onde vas avoa?
-a traballar!

Gústame o seu sorriso de 87 anos e lamento, lamento infinitamente, que xa non me poida contar do medo na posguerra, nin da fame daqueles anos, das penurias para sacar adiante as dúas nenas e a familia toda, cando o meu avó se puxo reivindicativo e non puido saír ao mar. Ela traballou e traballou nas frías noites da lonxa, xeando as mans entre o peixe acabado de chegar. Nunca se queixou de nada, segue sen queixarse, aínda que cando nos oe reclamar o que en xustiza nos corresponde inclina a cabeza afirmativamente.

No meu ADN mitocondrial levo a súa memoria, que é a miña verdadeira historia, e a de tantos outros e outras. Por iso, pensando nas calamidades que pasou, cultivo a esperanza, practico o optimismo, ensaio un sorriso e continúo sempre, sempre, traballado por todo no que creo.

Parabéns neniña. Vai por ti.
Comentarios (11) - Categoría: Xeral - Publicado o 28-02-2009 11:22
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
11 Comentario(s)
1 Lindísima entrada! #blgtk08#Un bico ben grande!
Comentario por Carlos (28-02-2009 13:36)
2 Grazas, ela merécea, aínda #blgtk08#que non lle chegue.
Comentario por Acuática (01-03-2009 08:13)
3 É moi bo recordar as avoas porque son as que mais f#blgtk08#an por nos...despois das nais claro
saudos!
Comentario por unha colega das palabras (02-03-2009 15:54)
4 Efectivamente col#blgtk08#ega das palabras
Comentario por Acuática (02-03-2009 19:59)
5 A vida é unha contínua posta a proba ante as pérdi#blgtk08#das... a túa crónica é unha fermosa recuperación.
Comentario por ekis1331 (03-03-2009 11:39)
6 Admiro a súa forza, a de todas as mulleres, pola súa esperanza, optimismo, sorriso e #blgtk08#traballo. Con isto último podo, mais cóstame o resto, ás veces. Mañá será outro día.
Comentario por Hermaco (04-03-2009 20:43)
7 Grazas polas súas palabras. Cómprenos moito a beleza e o optimismo, son #blgtk08#as nosas máis revolucionarias armas, porque aínda hai tanto pendente...
Comentario por Acuática (04-03-2009 21:23)
8 Pasaba por aquí na procura dun pouco de acougo nestes días de incertidume e pesimismo... atopo unha fermosa entradiña con moita forza.

Vexo que a entrada é do 28 de febreiro. Hoxe, apropiome de toda a carga das túas palabras e da afouteza da #blgtk08#túa avoa e da de todas aquelas mulleres (que admira o Hermaco) que coa súa esperanza, optimismo, sorriso e traballo fixeron/fan/terán que seguir facendo a revolución...

Moita forza vai cumprir para nestes tempos seguir con esta nobre tarefa!
Comentario por Nasa (05-03-2009 15:24)
9 Estou segura de que ter#blgtk08#emos forza! Ánimo Nasa!
Comentario por Acuática (05-03-2009 17:25)
10 Que pasada!! non teño a costume de escribir nas blogs pero tiven unha profunda necesidade de#blgtk08# facelo agora. Salgados e agradecidos parabéns polo artigo e pola páxina. saúdos acuáticos.
Comentario por x.costas (06-03-2009 11:08)
11 Grazas X#blgtk08#. Costas
Comentario por Acuática (06-03-2009 19:11)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática