acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Historia dun amor
Foto de BBC Mundo.comHai uns días recomendáronme que lese Carta a D. Historia dun amor, de André Gorz (2008, Paidós, Madrid). E comecei inmediatamente a súa lectura.

Xa no inicio o autor xustifica a escrita do libro: “abordar os problemas que desde hai pouco me atormentan. Por que estás tan pouco presente no que escribín se a nosa unión foi o máis importante da miña vida? Por que, en O traidor, presentei unha imaxe falsa de ti, que te desfigura?”

Ao longo do libro Gorz procura retratar o seu amor, e percibimos con nitidez cal era a súa natureza, un amor baseado na amizade, na unión física e intelectual que fai que dúas persoas se unan de tal maneira que non poidan prescindir unha da outra, que se axuden e complemente compartíndoo absolutamente todo.

Non sei se este libro acadou maior relevo polas circunstancias vitais que coroaron a súa publicación. Se cadra, nada saberíamos do autor se non fose polo dramatismo da súa morte, da morte dos dous, de Gérard (Gérard Horst era o seu nome real) e Denisse, tan unidos que nin entón se separaron. Realmente un acto que realzou a sublimidade do seu amor.

Para min, as pasaxes máis interesantes do libro, a parte do retrato desa unión, foron aqueles nos que relata o seu impulso creativo:

“A primeira meta do escritor é o que escribe. A súa necesidade principal é escribir. Escribir... ausentarse do mundo e de si mesmo para, eventualmente, convertelos en materia de elaboración literaria” (p.p. 42-43)

“... tiñas máis sentido político ca min... Habitueime a facerte ler os meus artigos e manuscritos antes de entregalos. Aceptaba as túas críticas de mala gana, “Por que sempre tes que levar a razón!” (p.p. 60-61)

“... o que importa é o dicir e non o dito-, o que escribira interesábame moito menos que o que podía escribir a continuación.” (p.p. 70-71)

“A miña motivación principal é manifestamente a necesidade obsesiva de elevarme por riba do que vivo, sinto e penso, para teorizalo, intelectualizalo e devir un puro espírito transparente.” (páx. 75)
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 11-01-2009 13:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática