acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Coa palabra na lingua
Onte gozamos infinitamente da palabra, da palabra poética nas voces de Mónica Camaño e Zé Paredes, ou sexa, Teatro Nu, que tivo a ousadía e o gusto de converter en texto teatral un largo feixe de poemas de aquén e alén Miño.
Nas súas voces soaron os versos de Chus Pato, Mário Cesariny, Eugénio de Andrade, Olga Novo, Mª Teresa Horta, Lucía Novas, Rafa Villar, Álvaro Cunqueiro, Eugénio Mello e Castro, Celso emilio, José Carlos Ary dos Santos, Méndez Ferrín, José Afonso, Avilés de Taramancos, Pessoa, Daniel Filipe, A.J. Forte, Novoneyra, Álvaro de Campos, Bernardino Graña, Manuel María, António Gedeao, Ana Romaní, Luís Pimentel, Jorge de Sena, Manuel Rivas e Marta Dacosta.
O espectáculo chámase Coa palabra na lingua e é absolutamente recomendábel, un espectáculo redondo, ben fiado, que vai increscendo e tirando de nós todas as emocións imaxinábeis. A través del fomos descubrindo as posibilidades dramáticas da poesía grazas ao bo facer dos actores e ao músico Anxo Graña, creador de todos os sons posíbeis sobre a escena.

Debo dicir que foi absolutamente reconfortante ver como un texto que escribín hai dezasete anos tomaba vida propia e me demostraba, na voz de Mónica Caamaño, que tiña moito máis poder do que eu lle asignaba. Un poema escrito á volta dunha viaxe por Lisboa, provocado por unha conversa cun veciño de mesa, nunha tasca pequena, ante uns carapaus grelhados. Aquel home desatendeu o seu jantar para convecernos a nós, pequenos ignorantes, de que Camoes era o maior poeta nacido na terra, superior a Dante ou a Petrarca, o mellor poeta de todos os tempos.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 13-12-2008 20:16
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática