|
|
|
|
Victoriano Taibo |
|
Hoxe presentamos en Guillufe (Morgadáns, Gondomar) na escola en que o mestre Taibo deu aulas alá polo 36, un monográfico na súa homenaxe. Nel figura unha aproximación á súa poesía da miña autoría (?Que nos coñezan polas obras? Obra poética de Victoriano Taibo), que remata con esta reflexión:
"... debemos destacar que estamos diante da obra dun home comprometido con Galiza, presente sempre na súa obra, xa sexa para gabarse da nación, xa sexa para criticar a quen lle vira as costas á patria. Taibo é outro nacionalista confeso e loitador que formou parte dun grupo de persoas entregadas á construción de Galiza no primeiro cuarto do século XX. A súa obra é unha mostra máis da camaradería e o compromiso daqueles homes que participaron de tantos proxectos colectivos. A todos eles debémoslles moito do que hoxe somos e temos, pois eles puxeron os chanzos que unha guerra cruel esborrallou, mais deixaron o deseño desa espiral pola que eles mesmos tentaron seguir despois dos anos 50, e que nos deixaron a nós para que continuásemos tan honrada empresa."
Quede aquí este seu poema:
¡BRÚA O MAR!
A R. Villar Ponte.
A flor do inverno é de neve, o azul do ceo, embazado,
ña Mai Terra aterecida ten un canto amargurado;
¡Brúa o mar! As ardentías escachan-se nas rompentes,
e os cons varudos agachan as súas cristas trementes;
Xeme o salgueiro dolente sintindo o beixo do xío,
e un alongado lamento sobre do leito do río;
¡Brúa o mar! As furibundas olas, en inxente traza,
erguen-se outas e soberbas nunha espantosa ameaza.
A forteza do carballo arripía-se ca friaxe,
nos cumios ispidos prende a tristura do paisaxe;
¡Brúa o mar! Cada bruído é unha cega imprecación,
cada ola que se desfai, un berro de maldición;
Pola terra andan as almas a padecer e a chorar;
mas nas rías e nas furnas, cons e barras, brúa o mar;
¡Brúa o mar! Doente, tolo, con pavorosa tolemia,
a inmensidade é unha moura e horripilante blasfemia.
¡Luitadores!
A luz do lóstrego aluma
a rúa pr'onde camiña o noso esforzo lanzal:
sexan nosas almas brancas como o craror da alba escuma,
que o nordés revolve airado nas mourenzas do peiral.
Victoriano Taibo, Abrente, 1922.
Mañá, sábado 15, presentarase o libro de Carlos Negro, gañador do primeiro certame de poesía Victoriano Taibo. Un libro que hai que ler.
|
|
|
|
Deixa o teu comentario |
|
|
|
|