acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Construcións publicarase
Desde aquí unha aperta para Eduardo Estévez, que publicará proximamente o seu libro Costrucións en Positivas.

Moi boa nova neste preciso momento.

Que quede aquí tamén a declaración de Eduardo:

O día de hoxe veño a ser informado de que a Deputación Provincial da Coruña decidiu aceptar unha impugnación recibida hai uns meses e que solicitaba que se descalificase o meu libro construcións e se lle retirase o premio de poesía Miguel González Garcés que lle fora concedido.
O argumento da impugnación, presentada polo señor Xabier Lama, é que o libro incumpría as bases da convocatoria por estar previamente publicado no blog “en construcion”.
Como expliquei no seu momento perante a propia Deputación que mo solicitou, esta impugnación carece de toda base legal segundo os seguintes argumentos:

1. O premio, tal e como está descrito nas súas bases e é de público coñecemento, premia unha “obra”. Quer dicir, considera unha “obra” a totalidade do material presentado baixo un título e lema. A “obra” presentada a concurso é rigorosamente inédita.
2. Existe, efectivamente, un blog, titulado “en construción”. e co seguinte subtítulo: “bitácora da construción dun libro de poemas”. A existencia deste blog era pública antes da convocatoria do premio e, como pode comprobarse, non a ocultei en ningún momento. En todo caso, o que se publicou neste blog é unha descrición do proceso de produción da obra. Non é un libro, senón unha bitácora, un diario. Acompañando esta bitácora é posíbel consultar borradores de algúns dos textos que compoñen a obra pero non todos os textos nin as súas versións finais. O poeta e investigador Miro Villar explica claramente, nun informe técnico que emitiu nesta oportunidade, que “é axioma ou principio filolóxico fundamental que as versións anteriores á edición definitiva ou testamentaria por parte do autor teñen a consideración de material de traballo para a crítica textual, mais en ningún caso se chegan a considerar como textos definitivos do autor”. O concepto de “obra”, por tanto, distínguese claramente do seu proceso de produción e nas bases do premio non se indica que o proceso de produción da obra deba ser inédito.
3. Como se pode ver no mesmo blog, a publicación do proceso de produción abandonouse o 1 de maio de 2006. Un mes despois (o 13 de xuño) déixase constancia dun período de reflexión sobre os textos e, posteriormente (o 25 de agosto), infórmase de que a obra sufríu moitas correccións. Dende aquela, como resulta habitual habida conta do tempo transcorrido até a convocatoria do premio, aínda houbo outros procesos de revisión profunda do libro nos que se descartaron poemas e se incluíron outros, ademais de modificarse seriamente a totalidade dos textos. Ningunha destas modificacións (nin a descrición das mesmas nin os textos) foron difundidas no blog ou na miña páxina persoal.
4. Na mesma cláusula SEGUNDA das bases do Premio dise que a Deputación “publicará” a obra premiada. Non se explicita (aínda que queda amplamente sobreentendido) que se trata dunha publicación en papel. Pódese sobreentender, por tanto, que a expresión “inédito” na cláusula primeira se refire tamén a este modo habitual de publicación.
5. Por outra banda, o mesmo informe técnico antes mencionado determina sen que caiba lugar a dúbidas que, “só recibe consideración de obra édita aquela que posúe o seu correspondente rexistro, quer no ISBN quer no Rexistro da Propiedade Intelectual, e calquera outra obra sen o devandito trámite sempre adoita considerarse como inédita”.
6. Existen hoxe en día diversos métodos de edición de libros dixitais. Como se explica na Wikipedia (http://es.wikipedia.org/wiki/Libro-e#Formatos_de_archivos_de_eBook), os formatos comunmente utilizados para este soporte son DOC, PDF y LIT. Nin o blog nin os textos incluídos na páxina web utilizan calquera destes métodos. En todo caso, pódese consultar os arquivos do ISBN para ter constancia de que non existe rexistro da edición de ningunha obra ao meu nome en formato papel ou dixital que poida significar un incumprimento das bases do premio. Outro informe técnico, neste caso do poeta e editor Fran Alonso, explicita: “En ningún caso pode entenderse o blog «En construción» como un libro dixital. En primeiro lugar, un blog non responde ao que desde o punto de vista profesional os editores entendemos por «edición dixital» (formatos de texto dixitalizado, sometido a un proceso de edición e preparado para a súa descarga nun ordenador, pda, teléfono móbil ou libro dixital, como adoitan ser os pdf ou os .doc). Por outra banda, as propias normas de estilo da ortografía técnica na edición indican que se debe empregar a cursiva para os títulos de obras literarias (tanto en formato papel como en formato dixital) pero que se deben empregar a redonda para os nomes dos blogs.”
7. En calquera caso, e tal como deixa entrever Fran Alonso no seu argumento, o concepto “edición” inclúe unha serie de procesos adicionais (e necesariamente posteriores) á escrita do libro que, como resulta obvio, non puideron ter lugar neste caso, xa que a escrita dos textos do libro non estaba rematada no momento en que se interrumpiu a difusión da bitácora.
8. Canto á alegación presentada á cláusula TERCEIRA das bases (que dice, literalmente: “As obras presentaranse baixo un título e un lema, achegados de plica na que conste o título e o lema no seu exterior e contendo no interior o nome e apelidos do autor, o seu enderezo, nacionalidade e número de teléfono”), a Deputación pode dar fe de que o libro foi presentado baixo plica, cun título e un lema, polo que non se entende a que violación desta cláusula se refire a alegación.
9. Con todo, atendendo ao espírito desta cláusula que procura o anonimato dos textos para non viciar a resolución do premio, o xurado está no seu dereito (aínda que non o respalde unha lectura estrita das bases) de, antes de emitir o fallo, desbotar un libro porque pode recoñecer a súa autoría por haberse difundido algún dos textos que o compoñen en publicacións colectivas ou mesmo en recitais poéticos. Porén, unha vez que o xurado falla de boa fe e en exercicio da súa indiscutíbel profesionalidade, non parece pertinente que este mesmo dereito de veto se lle conceda a calquera persoa por que tivese coñecemento previo da obra.
10. Máis alá doutras consideracións, tanto o acto de presentar o libro ao premio canto a actuación do xurado desenvolvéronse baixo o principio de boa fe que rexe, segundo a lexislación vixente, todos os contratos de palabra (como o é o caso de presentar un libro a un premio literario). Como se explicita no artigo 1.288 do Código Civil: “A interpretación das cláusulas oscuras dun contrato non deberán favorecer á parte que tivese ocasionado esa oscuridade”.
11. En todo caso, a actuación do señor Xavier Lama só pretende obter nos despachos o que en boa lide literaria non lle fora concedido.

Teño na miña man presentar recurso contencioso administrativo contra a resolución da Deputación pero non o farei. Acepto esta nova decisión do xurado tal e como a aceptei da primeira vez e non pretendo obter nos despachos aquilo do que de boa fe o xurado e a Deputación agora me privan.
A importancia dun premio radica en que un xurado considere que o traballo de un merece ser premiado, o que xa ocorreu co meu construcións. Quédome con iso.

Eduardo Estévez
A Coruña, 23 de setembro de 2008.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 25-09-2008 22:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática