acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

abaneada

Desde finais de xuño abanean os alicerces da casa. Unha ameaza paira sobre nós. Entón houbo que se armar de novo, escribir, falar, saír á rúa... Non dou pensado noutra cousa... en que se vai adiante nada será igual, nin as nosas vidas, nin este val tan fermoso. Por iso me naceron estas palabras:

Foi o primeiro que nos sorprendeu, o nome. O plan chámase Vigo Íntegra, con acentuación esdrúxula, remitíndonos á súa orixe latina. E non deixa de ser unha contradición, porque íntegro é o que conserva todas as súas partes, sendo así sinónimo de enteiro, a súa versión popular que sufriu integramente toda a evolución fonética da lingua e que no dicionario vén definida como “o que aínda non foi comezado”.

Pois que continúe enteiro, ou sexa, que non se comece nunca.

Digo que o Plan se chama Vigo Íntegra e, nunha das súas partes, a que fai referencia ao concello de Gondomar, a palabra íntegra non é axeitada á proposta, porque propiamente o Plan desintegra, separa, divide, destrúe, illa.

Quen coñeza o Val Miñor sabe ben que en Gondomar non falamos por falar. Defendemos o noso territorio, a nosa paisaxe, a nosa calidade de vida, a nosa natureza singular de cabeceira de val, o noso patrimonio de pazos, fontes, covas, castros, muíños e arte románica todo el ameazado polo impacto do Plan no concello. Unha obra totalmente prescindíbel que só consolidaría unha etapa máis de destrución e deterioro do territorio.

Tanto é así que en Gondomar pasa algo que nunca sucedeu, e é que hai unha sensibilidade inmensa ante esta agresión ao noso concello. Todas e todos, os máis pequenos e os de maior idade, os que naceron aquí e os que elixiron esta vila, os que pensan así e os que pensan asá, todos e todas estamos de acordo, non necesitamos nin queremos esta mole de alcatrán. O día 13 saímos á rúa, éramos máis de 3000, de todas as parroquias, idades e estratos sociais. O pobo de Gondomar estaba na rúa reclamando ser escoitado. Será escoitado?

En Gondomar si hai un problema de comunicación, a ausencia de transporte colectivo. Temos dúas liñas de autobuses, mais unha delas soamente podemos subir a ela se camiñamos uns quilómetros até a parroquia de Mañufe. Comunícannos con Vigo e malamente co concello de Tomiño e o Rosal. Mais non temos unha liña que nos leve a Baiona, á oficina do Inem ou ao Instituto, ou viceversa, que traia a Gondomar e a Nigrán a quen o desexar. Non temos un bo transporte e isto repercute na contaminación ambiental e no peto de cada un de nós, pois vémonos obrigados a ir co noso coche particular a todas partes. En Gondomar si reclamamos unha solución a este problema, e seguimos agardando por ela, porque este Plan non contempla un modelo de transporte colectivo minimamente sustentábel.

É a enfermidade do progreso mal entendido, asfaltar, trazar grandes viais, correr máis para chegar ao mesmo punto e no mesmo tempo. Primeiro unha estrada e logo outra, en paralelo, sempre imperfectas, nunca suficientes. Pois non, non se precisa máis asfalto, porque xa hai unha autopista pola que circular a gran velocidade, aí ao lado, unindo precisamente os puntos que se queren unir. Mais quen presenta o proxecto, parece reticente a facerse coa concesión da autopista, polo que se ve, prefiren gastar máis diñeiro público construíndo estes viais, e permitindo que unha empresa privada obteña beneficios dunha autoestrada infrautilizada por mor das tarifas da peaxe. Isto, desde logo, non é aproveitamento das infraestruturas.

Artigo publicado en www.gznacion.com en setembro de 2008.
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 25-09-2008 21:14
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Outra batalla máis, desta vez con risco de ferida de #blgtk08#guerra.

Adiante sempre adiante, ánimo.
Comentario por Hermaco (27-09-2008 18:42)
2 Adiante e sen para#blgtk08#r, está moi claro.
Comentario por Acuática (30-09-2008 14:30)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática