acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Migracións, Rafa Villar
arquivo Marta DacostaHai libros dos que non lembro nin o seu contido. Porén, outros deixan a pegada da súa emoción e até podo lembrar o momento exacto en que os lin. Lembro ben as tardes no sofá granate lendo Cantares Gallegos ou Cousas (repasando unha e outra vez a tristura de Dona Micaela), lembro a paz despois de ler unha antoloxía de Alfonsina Storni, ou a luz que se filtraba naquela tarde de verán cando todas as horas foron para ler Veinte poemas de amor y una canción desesperada, antes de iniciar a singradura de Confieso que he vivido.

Un deses libros que lembro especialmente é Días de Sherezade, de Rafa Villar. Lembro aquela mañá de outono en que recollín os libros no apartado de correos e tiven que comezar ler Días... mentres camiñaba lentamente cara ao meu destino. Lembro perfectamente esa sensación entr paz e felicidade coa que iniciei a mañá, satisfeita de me ter inmerso naquel libro.

Sucede cos libros de Rafa Villar, tamén con Ícaro, non se pousan, unha vez abertos absórvenme, até o punto de ler e reler os poemas mentres o libro non se fecha. Así con Migracións, premio de poesía Cidade de Ourense. Reencontreime cos versos de Rafa Villar, con esa exactitude conceptual resolta nunha limpa perfección formal. Poesía concetrada, directa á reflexión e á emoción:

a nosa é unha terra náufraga
a nosa unha lingua illa
nós apenas mar aberto


Alégrome de ter este libro entre as mans, e alégrome de que Rafa teña recibido este premio, do que se farán o acto público de entrega o vindeiro sábado 27. Parabéns Rafa.

o que acontece
é que case sempre escribimos
esgazando a soidade que vive cómplice
entre os dedos exiliados

e cada poema
desprende esa razón desesperada


(foto: Porto, 1999, con Rafa Villar, Yolanda Castaño e Teresa Seara)
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 21-09-2008 09:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática