acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Premio para a novela A cabeza de Medusa.
Foto GalipediaOnte foi, sen dúbida, un sábado literario: en Melide, en Boborás, outra vez en Melide ou en San Simón.

Á mañá acompañamos a Vázque Pintor durante a fermosísima homenaxe que recibiu. Á tarde escoitamos con emoción o fallo dos Xerais, especialmente do Fundación Caixa Galicia de Literatura xuvenil: a novela A cabeza de Medusa de Marilar Aleixandre.

Quero dicirvos que debedes ler a novela en canto estea nos andeis das librerías. É absolutamente recomendábel.

Eu tiven o privilexio, sen ser membro do xurado, de ler esta novela e direivos que a lin practiamente en dous días porque, desde que a comecei, non puiden separarme dela até rematala. Malirar Aleixandre acaba de facernos un inmenso agasallo, dános unha novela que cumpría, unha novela sobre a violencia sexual contra as mulleres.

Porque si, penso que faltaba unha novela coma esta, e penso que é enormemente difícil tratar o tema e Marilar faino con mestría e con magnífico resultado, centrándose precisamente no máis importante: na violación social que se produce despois da agresión física, algo, se cabe, aínda máis doroso.

Insisto, hai que ler a novela. E é un acerto que saia na colección xuvenil, pois entre todos os públicos que a deben ler, está en primeiro lugar os que comparten idade cos protagonistas: os e as adolescentes, coma os que integraron o xurado que unanimemente decidiu esta obra como gañadora, e que logo lle manifestaron á autora canto lles gustara a súa novela.

A Marilar os meus parabéns desde aquí, outra vez(onte xa tiven a oportunidade de celebrar con ela o premio). E a vós, lede a novela.

Adiántovos a súa primeira frase, un inicio xenial que nos sitúa no centro do conflito:
"O venres en que ía ser violada amenceu bochornoso..."
Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 08-06-2008 12:30
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática