acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

II Certame de poesía Xela Arias
Arquivo de Marta DacostaAmante de perdedores, así era como Xela Arias se refería a si mesma. E así é como comezou a miña intervención de onte á noitiña no acto de entrega dos premios do II certame de poesía Xela Arias, organizado polo IES da Sangriña. Unha intervención que, como o poema que escribín para Xela (O oco do teu verso) e que se publicara en Xela Arias, quedas en nós, forma parte do libro publicado con motivo do I certame, no que se reúnen os poemas das persoas premiadas en 2007. Sentinme honrada de que contaran comigo e de que o fixeran para falar de Xela, especialmente porque o ano pasado non puiden estar presente na entrega de premios. E tamén moi honrada por poder participar no xurado e colaborar para descubrir estes poemas e as súas autoras (por certo, ao igual que no VII Certame Literario Conde de Gondomar, as gañadoras de todas as categorías foron rapazas, e non falamos de dúas, senón de nove onte na Guarda, e máis dunha ducia en Gondomar...)

Este ano houbo unha ausencia, a de Xosé Carlos Gómez Alfaro, que anunciara a súa presenza no acto. Na súa memoria limos o poema de Xela que el lera o ano anterior.


O oco do teu verso

Penso no verso,
quero dicir
que penso no oco do teu verso,
no oco na alma,
na conversa pendente.

Búscote entre as palabras,
na selva do verso inzado
e inclínome,
inclínome ante ti,
ante o valor dos teus ollos,
ponte colgante en que o tempo se para
para te facer presente.
Penso no verso,
quero dicir que penso
no oco do teu verso,
no oco da palabra con que nos golpeas,
con que nos feres no estómago
nacéndonos á poesía.

Penso no verso,
no oco do teu verso,
nas palabras que iluminan a ponte
que nos une
a pesar do silencio.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 31-05-2008 20:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática