acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

LETRAS GALEGAS
Hoxe estiven no CPI de Panxón para falar do día das letras galegas, convidada polos profes (Henrique e Carme).

Faleilles aos rapaces e ás rapazas das orixes da data, o seu porqué naquel ano de 1963 e, por suposto, do autor homenaxeado este ano: Xosé María Álvarez Blázquez, como exemplo de escritor e de persoa entregada ao seu país polo que traballou incansabelmente. Por tanto, como exemplo de amor á patria. Eles e elas sabían xa moito do poeta, pois contaron coa achega dun dos maiores especialistas que hai en Álvarez Bláquez, o seu fillo Alfonso Álvarez Cáccamo, profesor do centro.

Debía falar do día das letras, e faleilles da importancia de contarmos cunha data en que toda Galiza colectivamente pensase e falase sobre a nosa lingua e a nosa cultura, da necesidade de non perder de vista a verdadeira orixe da data e, por tanto, da necesidade de manter aquel espírito. Mesmo falei da idoneidade de que a data estivese protagonizada por unha escritora ou escritor de noso, porque como dixo o propio Xosé María Álvarez Blázquez, na conferencia "A chamada do mar" pronunciada en 1969:

"Se en verdade queredes coñecer un pobo, unha época, unha raza, unha cultura, non tendes máis que ler ós seus poetas. Eles son os verdadeiros cronistas, moito máis dinos de creto que aquiles que escriben mediante soldada a historia oficial".

Cando rematei díxenlles que eu non era galegofalante desde pequena, mais que un día entendera cal era a miña identidade e quixen mantela e mostrala, por iso pasei a falar na miña lingua. Entón, para que me entendesen mellor, pregunteilles:

-Se tivésedes que plantar unha árbore ao pé da casa, que plantaríades: un carballo ou un eucalipto?
Non o dubidaron en absoluto e respostaron inmediatamente:
-Un carballo.
E eu preguntei de novo:
-Por que?
Outra vez sen dubidar:
-Por que o carballo é noso, é de Galicia.

- Pois iso, a nosa lingua é ese carballo e o eucalipto representa esoutra lingua que nos vén de fóra e que non nos é propia.


(das virtudes de sementar carballos fronte aos eucaliptos xa vos sabedes ...)

P.D. Hoxe inaugúrase ás 20:00 horas, en Nigrán, unha rúa co nome de Álvarez Blázquez, que tivo unha empresa de fabricación de ladrillo na localidade, e que rematará cunha charla sobre o autor en que os relatores serán os seus fillos ... lamentabelmente non poderei asistir (carezo da virtude da ubicuidade).
Comentarios (4) - Categoría: Xeral - Publicado o 30-05-2008 14:36
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
4 Comentario(s)
1 Coido que falar asi do galego pode parecer un pouco "radical", non sei se cando falas do eucalipto ao facer a analoxía refíreste ao castelán, pero dende logo que creo que a pesares de ser unha lingua imposta é tan nosa e tan propia como o galego. Sobre todo para relacionarnos con outra xente que non é galega e non coñece a lingua de dentro. As veces paréceme que a xente é fanática do seu de maneiras insospeitadas.
O caso do día das Letras Galegas é t#blgtk08#amén un caso de esquecemento do verdadeiramente galego. Por que procurar escritores galegos mortos para facerlles a homenaxe e esquecernos de escritores actuais que de verdade son bos e lle dan prestixio cultural á lingua?

P.D.: Non son galega (de feito son de Madrid), pero si son galegofalante por amor filolóxico a unha lingua na que podo expresar o que non expreso en castelán. Nunca renunciarei a ningunha delas, porque as dúas sonme propias.
Comentario por Patricia (31-05-2008 17:16)
2 Patricia: a analoxía con carballo e o eucalipto é a todos os efectos, e gustaríame que reflexionases sobre ela en termos estritamente botánicos, logo fai a analoxía se queixeres.

Canto a linguas de relación, eu querería falar fluidamente francés, especialmente porque me permitiría relacionarme cun gran continente: África, afortunadamente a m#blgtk08#iña lingua propia permíteme achegarme a Angola e Moçambique, ou mesmo a Cabo Verde, a onde agardo poder viaxar en breve.

Eu vivo neste mundo, e del nn exlúo a ninguén, malia setirme eu excluída do mundo doutros, tantas veces.

Alégrome que fales a nosa lingua e que a sintas túa tamén (agardo que nón só por amor "filolóxico").
Comentario por Acuática (31-05-2008 18:24)
3 O eucalpito é unha árbore que seca o solo porque o seu acelerado metabolismo precisa de moitísima máis auga que calquera outra árbore, así estende as súas raigames ata onde pode atopar a auga tupindo os condutos e as minas e deixándonos con sede ao resto das árbores e ás persoas humanas.

Ademais medra máis rápido que as demais roubándolles tamén o sol, pasándolles por enriba e deixándoas soterradas nas tebras, así impídelles medrar.

Só fago descricións biolóxicas, non símiles, vos diredes se vos soa a algo.

Non contente con iso segrega unhas substancias tóxicas para eliminar competencia. O mellor de todo á a súa impresionante capacidade pirofítica (gosta e promociona o lume como estratexia de supervivencia): promociona o lume porque só el é quen de renacer e con#blgtk08#quistar os terreos queimados.

No meu traballo de biólogo o español sérveme como língua vehicular nun 1% como máximo. A língua universal é o inglés e na Galiza-Portugal-Países lusófonos, non o preciso. Teño estado en xuntanzas internacionais con moitas persoas que falan-entenden o español maioritariamente e os españois mesmo renuncian a defendelo e a falalo pasándose automaticamente ao inglés todos, a pesar de saber que os non españois falantes (galegos, vascos, cataláns, irlandeses ou escoceses) podían entendelo.

Con ese espírito de renuncia (eles din amabilidade), que nos esixen aos demais?, eu non renuncio ao meu idioma tan facilmente, síntoo.

Como línguas de relación gostaría de aprender máis inglés pois dame máis posibilidades pero son moi malo cos idiomas.
Comentario por Hermaco (01-06-2008 11:32)
4 Grazas Hermaco por se deter nas propiedades do eucalipto como especie vexetal que é (por certo que gostei moito do seu erro mecanográfico: EUCALPITO, variante que non coñecía e que se suma así ás de alcolitro e outras). Meu pai tiña de ir todos os anos, ás veces máis dunha vez, a#blgtk08# unha toma de auga que tiñamos no monte para arrincar as raíces dos eucaliptos que ían tupindo o pozo e nos deixaban sen auga.

Patricia, esta é a nosa visión desde Galiza, non podemos ter outra. De todos os xeitos parabéns pola vosa iniciativa (falsirego).
Comentario por Acuática (01-06-2008 12:29)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática