acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Malos tempos para a lírica?
Baixo este título acudimos onte María do Cebreiro e máis eu á convocatoria que nos dirixiu Francisco Castro. Debo dicir que o título fixo que me puxese algo nostálxica e comecei así a miña intervención:


Así era o título da canción que nos acompañou naqueles primeiros anos dos 80. Germán Coppini e os Golpes Bajos poñían a banda sonora a unha xeración de mozos e mozas que, mentres reclamaban melloras sociais e económicas, buscaban a forma de se expresar culturalmente. Vigo era o cráter do volcán.
A canción ilustra unha época de cambio, ben medrada a Transición, cando a reconversión naval nos devolve á realidade dun mundo capitalista que chegaba a furar os nosos petos porque non se creaba un bono bus para estudantes, e arderon as rúas, claro. Os nosos pais saían á rúa tamén e a cidade conmocionábase ao paso dos manifestantes na folga xeral.
Foron os anos da movida viguesa, mais de que movida falamos, porque houbo dous xeitos de se enfrontar ao monstro da realidade, un escapista e desarraigado que quería escribir Madrid coa V de Vigo, unha movida de ombros anchos e longos abrigos, peiteados esperpénticos, que fuxía da súa realidade no afán de vivir rodeados dun glamour de gomina e laca. Outro foi o dos que afundiron nesa realidade e, desde a escuridade e a gama de grises dos cutres fanzines fotocopiados, facían a súa crítica dunha sociedade que non os acubillaba. Nin sequera coa súa lingua, esa que se espiu nun pequeno e efémero acto poético, a que quedou gardada ao lado da tinta e a plumilla na gabeta da falta de fondos económicos.
Eran malos tempos, si, malos tempos para a lírica, é dicir, para a vida, mais foi esa situación a que nos levou ao hiperactivismo cultural, sen orzamento e sen imprenta, sempre cara a adiante, sempre cunha nova idea, sempre reaccionando.

Pasou un cuarto de século, trunfou a serenidade e o talante, o silencio fronte á ruptura, e estamos nesta sociedade máis acomodada, menos proclive a reaccionar, a cuestionar, a reclamar. E porén o monstro segue estando aí. Un monstro tan voraz que algúns dos problemas de entón, dos que provocaban malos tempos para a lírica, son os problemas de hoxe, os problemas estruturais desta sociedade galega non normalizada que, por suposto, lle afectan á cultura, canto, e á lírica. Si, falo desta nación que non se atreve a recoñecerse, desta lingua que algúns teiman en dicir que non sofre unha tuberculose brutal e que ocupa menos espazo do que lle corresponde nesta pantalla de plasma que fala en español en todas as liñas de saída agás nunha. Falamos dun país en que se cuestiona que no centro do escaparate estean os nosos escritores e escritoras, porque os que pensan que este país é un país de segunda e a nosa lingua é a lingua dos pobres e os paletos, sobreviviron a evolución dos tempos.
Así que seguimos nun contexto que, aínda tendo mellorado, segue sen ser o contexto necesario, porque aínda temos que seguir a reivindicarnos unha e outra vez, malia que moitas veces esteamos realmente defendéndonos, como se isto que nós facemos, isto que nós falamos, non fose o máis normal do mundo. Velaí o noso punto de partida, velaí a primeira razón para preguntarnos se hoxe, ano 2008, seguen sendo malos tempos para a lírica.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 18-04-2008 14:59
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Vaaaaiiiiaaaa, grazas Acuática por tirar da gaveta unha vella foto en branco e negro,na foto dos fanzines estamos tod@s, elas, eran ben poucas.
Seguimos sen ter un contexto necesario, unhas razóns obxectivas que diría o camarada Vladimir.
Pero naquela confusión da noite da movida fumos poucos os que, aínda sen v#blgtk08#alor para reivindicar o idioma con todas as letras, fumos quen de poñer unha vaca na portada da revista, mentres os demais botaban as mans a cabeza e nos crucificaban nos editoriais, entre raia e raia.
A historia absolveunos, arremedando a Fidel, pero non por iso podemos deixar de buscar mellores tempos para a lírica.
Comentario por Hermaco (20-04-2008 10:41)
2 Por suposto, sempre na procura deses mellores tempos... E os que criticaron as vacas nas portadas, on#blgtk08#de están hoxe?
Desde logo foron uns bos anos, aínda que naquela altura parecesen difíciles.
Comentario por Acuática (21-04-2008 23:26)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática