acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Chamáronlle paz
Foto de Marta Dacosta
(vista de Roma desde a columna de Traiano, desde onde se ven as sucesivas fases construtivas nun lugar que era un outeiro, e que en certo momento contou con casas habitadas que foron demolidas)

Desde o extremo do antigo Imperio, chega a turista a Roma, disposta a recrearse na contemplación das ruínas que testemuñan un pasado de esplendor. No seu percurso, vai comprobando como inundacións, incendios ou terremotos non foron os únicos responsábeis de que só unha pequena parte destes monumentos se conserve case íntegra. A rapina dos propios gobernantes romanos foi desmantelando os vellos edificios dos seus materiais de valor para ser utilizados unha e outra vez, na que foi unha das primeiras operacións de especulación urbanística a gran escala ao servizo da propaganda política. Cada novo emperador realizaba unha grande obra. Para iso iniciaba a invasión doutro pobo, o seu saqueo de bens e vidas humanas, visíbeis nas enormes procesións triunfais que facían ostentación da política expansionista, das riquezas roubadas coas que o emperador edificaba. O monstro alimentábase.

A turista visita cada mostra dese pasado que non deixa constancia da vida dos máis humildes. O mapa vai dun a outro gran monumento, mais non recomenda a visita do Museo Storico della Liberazione situado no mesmo edificio que entre 1943 e 1944 foi cárcere e centro de tortura de presos políticos empregado pola policía de seguridade tedesca, colaboradora das SS. Un lugar triste que deixa constancia dun pasado errado, tamén imperialista.

De regreso, a turista quédase coas palabras de Tácito na súa monografía de Agrícola, con esa pasaxe recollida na exposición do Colosseo na que o historiador critica o afán imperialista romano que non se deu saciado nin no occidente, nin no oriente, e que edificou a súa grandeza no sometimento e na expoliación doutros pobos. Nas súas palabras: “Fixeron pasar baixo o falso nome do imperio roubar, torturar, rapinar: e cando tiñan feito un deserto, chamáronlle paz”.

Artigo publicado en A Nosa Terra e www.inforosal.com, en marzo de 2008.
Comentarios (2) - Categoría: artigos - Publicado o 27-03-2008 22:31
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 Ben se ve que vossé non é unha turista convencional, anque vaia no paquete da axencia de viaxes, porque senón non iría visitar unha habitación onde sofriron moitos romaneses, ouo lle pasaría desapercibida a praza do poeta Salustri.
É co#blgtk08#ma unha espía pequeniña polas rúas de Roma, ou de calqueira lugar que visite, tratando de descubrir os segredos das súas entranas, eses que a maior parte dos visitantes ignoran. Que perigo ten vossé!. Por certo atopou a Gelatería tan desexada?.
Comentario por Hermaco (28-03-2008 14:46)
2 Vaia! Pois si, andei na procura da xeladería máis antiga da cidade e tomei ciocolatto e canela, um! extraordinario. O peor: o camareiro rosmón que non nos deixou sentar na mesa da terraza.

A verdade é que si que me gustaría saber to#blgtk08#dos os secretos, ou mellor, comprender as razóns últimas de cada lugar e de cada momento, ir ás raíces.

Por certo, en Roma non hai que buscar as xeladerías, porque elas, coas súas enormes fontes de xeado, xa saen ao encontro de un.
Comentario por Acuática (28-03-2008 20:26)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática