acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Rosas que nunca murchan
Album de Marta DacostaEsta fin de semana estiven nas xornadas O miño: unha corrente de memoria que organizou en Goián a Comisión cidadá pola verdade do 36 do Baixo Miño. Un luxo. Outra vez unhas xornadas magníficas e moi emotivas (o ano pasado realizárase a primeira edición en Tui).

Emotiva, e moito, foi a mesa redonda do sábado pola mañá. Nela, Carme Vidal falounos da vontade das mulleres por deixar escrito o que lles acontecera, para superar o dobre silencio, o de ser mulleres e o de ser vítimas do franquismo. Marga Romero ilustrou os padecementos de moitas mulleres da comarca e nos falou de Josefa García Segret, a mestra de Forcadela, autora do libro Abajo las dictaduras. Aurora Marco falou das guerrilleiras e rematou de emocionarnos coa historia de Carme Rodríguez Nogueira, torturada física e psicoloxicamente, durante anos.

Rematamos chorando e inmensamente tristes, mais coa satisfacción de ter unha ferramenta máis forte, pois nada é mellor que ter memoria, memoria digna e exacta do acontecido.

Á noite vimos o documental Memorial de Camposancos, sobre o campo de concentración que houbo no antigo colexio dos Xesuítas nesa localidade. Outra vez a tristura e a satisfacción a un tempo.

Para rematar a fin de semana fomos ver Las 13 rosas, a película que narra a historia destas trece mulleres presas no cárcere de Ventas, en Madrid, cruelmente fusiladas en 1939. A película non é todo o dura que podería ser, considerando a historia que conta, non é dura ao reflectir a vida na prisión, que debeu selo e moito, mais é certo que posibelmente aquelas nenas, porque eran moitas delas menores de idade, pasaban o tempo a enredar, malia a traxedia que vivían.

É necesario. É necesario reconstruír a nosa memoria colectiva, aínda que nos doia, precisámolo, faranos máis fortes. É o noso antídoto.
Comentarios (2) - Categoría: Xeral - Publicado o 21-10-2007 22:56
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 O video de Camposancos é tremendo, e cada unha das histo#blgtk08#rias unha traxedia. Como se pode curar tanta ruindade?.
Comentario por Hermaco (23-10-2007 21:53)
2 Eu non sei a resposta á túa pregunta, mais penso #blgtk08#que o coñecemento e a memoria son bos antídotos.
Comentario por Acuática (23-10-2007 22:46)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática