acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

HOMENAXE A CASAL E OUTROS ANXOS:
Hoxe fanse 71 anos do asasinato de Anxel Casal. Sirva este poema de homenaxe, na súa primeira versión, máis extensa cá publicada no libro Homenaxe a Anxel Casal. (Escrita Contemporánea. Asociación de Escritores en Lingua Galega, 2005 )

HOMENAXE A CASAL E OUTROS ANXOS:

Meu avó murriaba a pedra,
chiscaba os ollos co quinto e o acalmote na man,
calculaba formas e ángulos
seguindo o plano imaxinado.
Sobre a arria gris e ocre,
domeaba a tristura e a carraxe
que lle nacían da certeza
de saberse vencido,
de saber que naquelas batallas
esmorecía para sempre
un tempo de esperanza.
A coroa non chegou nunca ao pé dos últimos heroes,
ao pé dos que aínda permanecen no pozo común,
dos que nos fan bochas no corazón
porque non sabemos todos os seus nomes,
cada vez que dicimos cada un dos seus nomes.
Meu avó sobreviviu á guerra.

Hoxe son eu a que murria as palabras
buscando a pedra exacta
para este milladoiro necesario.
O milladoiro que erga aquí e para sempre
a memoria de Anxel Casal,
recuperado dese agosto triste,
cando un silencio de sangue
sementaba o medo a cada hora.

Lamento
que a miña man e o meu plano
non estean á altura da pétrea coroa de loureiro
que nos lembra unha historia cruel
de covardes e vencidos.
E precisamos
traer toda esa dor até o presente,
lembrar aos que foron detidos,
paseados, tirados nas cunetas,
enterrados en vida,
negados por lustros de castración.
Precisamos
traer a súa dor até o presente,
traer a súa angueira aos nosos días,
facer nosa a súa loita
porque os seus desexos aínda han de cumprirse,
porque todo ficou pendente
e nós,
nós queremos honrar a súa memoria,
herdar a tarefa que encetaron,
seguir o seu camiño.
Só así descansarán en paz
e a terra será o berce que os acolla.

Facer nosa a súa loita,
facer miña a súa loita,
eis a homenaxe
que lle rindo.


Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 04-08-2007 13:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática