acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

O fío da memoria
Xa teño comigo o documental Tecendo o fío da memoria dirixido por María Reimóndez, que é tamén a responsábel do guión. A realización correu por conta de Paco Vilabarros.

É un fermoso proxecto, onde a poesía cobra protagonismo á hora de achegarnos as lembranzas máis dolorosas dun tempo que non convén esquecer, como antídoto de futuro. María e Paco convidáronme a gravar para o documental o poema "Dor do tempo" que poño máis abaixo. O documental conta tamén cos poemas e as voces de: María Lado, Marga do Val e María do Cebreiro. Non deixedes de velo en canto teñades oportunidade.

DOR DO TEMPO

1.
A neta pregunta
no seu xogo de lilainas transparentes,
coma quen sorrí por unha bolboreta,
pregunta
pola lembranza máis triste.
A neta pregunta
e segue a enredar coma quen esquece,
mais non,
a pequena non esquece que pediu un recordo,
o recordo máis triste
da avoa que aínda sorrí
mentres os ollos buscan o horizonte,
coma quen abre a porta á néboa,
coma quen se adentra no corazón do xeo,
coma quen bota o pé ao abismo.

2.
E do mesmo lugar en que nace o pánico
xorde a imaxe da nai
(mamá non chores),
a imaxe daquela nai fermosa
a agacharse no recanto máis escuro da casa.
Aínda resoa nos seus oídos o pranto
e o frío volve arrepiarlle os brazos,
o corpo todo.
A mamá cortáronlle o cabelo,
rapárona até lle facer dano,
zoupáronlle na alma
mentres era animal acurralado
e torturado, na esmorga horripilante
dos sádicos cabróns da madrugada.

Mamá non contou nada,
mamá nunca contou nada,
nada,
nada,

mais os ollos da nena que foi
aínda ven a súa mamá fermosa
lívida e triste,
lavando o sangue acusador
que non se oculta
(por que hai tanto sangue mamá),
que non para,
que teima en saír das feridas que nunca,
nunca
van cicatrizar,
a pesar do silencio,
a pesar do silencio.

3.
Mais papá non volveu.

A nena olla o retrato
e dóelle tanto o peito.

Dóelle tanto o tempo
que negou os brados da noite,
os corpos estragados,
a verdade do albor?

que olla á súa neta,
colle á súa neta no colo
e decide
enfrontar o seu propio deserto
para darlle
a lembranza máis triste,
entregarlle a dor do pasado,
esa ferida que nunca,
nunca doerá tanto
coma o silencio
e a negación.

Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 02-07-2007 14:19
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0