acuática


https://martadacostaalonso.wordpress.com/ https://www.facebook.com/marta.dacostaalonso

Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 OBRA
 CONTIDOS
 BUSCADOR
 BUSCAR BLOGS GALEGOS
 Arquivo

Outra muller morta
Ofelia por Millais
Despois de escoitar esta cruel nova o sábado, só podo deixar aquí este poema escrito para o acto que o 24 de novembro de 2005 celebrou a Secretaría Xeral da Igualdade no Museo de Arte contemporánea de Compostela, un acto contra a violencia de xénero e que está recollido no libro Polifonías 2006, Espiral Maior, Xunta de Galicia, A Coruña.

NON É AMOR

Por que, nos contos que gardabas, eu era a devorada,
por que, na imaxe do amor puro, a moza estaba morta,
por que, no mito que teceches, urdiches o abandono,
por que, no afán de posuírme, cegaches os meus ollos.

Mírame agora que son silencio, eternidade,
mira o meu corpo branco, case azul na quietude,
son Ofelia de novo aboiando nas augas,
arrastrada na historia dun mundo á túa imaxe.
Ofelia case azul, xa para sempre muda,
inmóbil perfección de obxecto posuído.
Ergue a man, Ofelia, esa man que aínda leva
o sangue, a pel, a proba do delirio covarde.

Como se pode amar o camiño da morte,
como se pode amar o silencio do medo.
Que non, non é amor ese velo de sombra,
non, non é amor a negación do soño,
non, non é amor o desprezo estridente,
non, non é amor a voz que todo cala,
non pode ser amor esa ventá escura,
pois non, non é amor esa porta fechada.

Non te quero máis branca, nin azul, nin silencio,
non te quero aboiando nese río de sombra.
Érguete Ofelia, esperta e renega do conto,
non cegues os teus ollos, que o corpo che pertence,
renega dese mito que mata as túas entrañas,
renega do amor puro que te viste de morte.



(xa vai para un par de días que quería deixar isto aquí, mais Telefónica, non sei se aliada con Fenosa, non me deixa, e iso que ben pago as miñas facturas)
Comentarios (1) - Categoría: textos editados - Publicado o 25-06-2007 17:38
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
1 Comentario(s)
1 Ás veces dá noxo pertencer á especie humana. Parabéns pola se#blgtk08#nsibilidade no poema. Seguimos loitando pola igualdade real.
Comentario por náufrago (25-06-2007 19:00)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática

Warning: Unknown: Your script possibly relies on a session side-effect which existed until PHP 4.2.3. Please be advised that the session extension does not consider global variables as a source of data, unless register_globals is enabled. You can disable this functionality and this warning by setting session.bug_compat_42 or session.bug_compat_warn to off, respectively in Unknown on line 0