acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Limada tarakta al-hisán wahidan?
Limada tarakta al-hisán wahidan? é o título dun libro de Mahmoud Darwich, que estou a ler. Significa algo así como "Por que deixaches só o cabalo?". Leo a tradución ao español que fixo para cátedra Luz Gómez García, quen propuxo publicar o libro baixo o título de El fénix mortal, pois segundo ela este que é tamén o título dun poema orienta mellor o lector sobre o sentido do libro. A verdade é que despois de comprobar o valor da imaxe dese cabalo abandonado ao lado da casa da que a familia fuxiu, buscadno refuxio no Líbano, un cabalo abandonado que quedaba atrás para acompañar a casa, pois as casas morren se faltan os seus moradores, discrepo da decisión da tradutora, humildemente, se mo permite.

É un libro sublime, para amar a poesía árabe, para namorarse de cada metáfora e de cada imaxe. Un libro que me reafirma na miña concepción da literatura, nomeadamente da poesía, como ferramenta para comprender e describir o mundo, o ser humano, os seus sentimentos. Por iso sempre estará en primeiro lugar, por diante da historia e do pensamento, pois condénsaos e supéraos.

Reproduzo, traducindos do castelán, algúns fragmentos de tres poemas que me parecen significativos. Indicar que ese corvo é o que baixou ao paraíso de Adán para indicarlle a Caín como tiña que enterrar o corpo de Abel, algo que non foi quen de facer, segundo a tradición coránica. Huriya é a nai coa que dialoga ao longo do poema.


ALDEÁNS (SEN SEGUNDAS)
...
Nós tamén berramos cando nos traga
a terra. Mais non atesouramos as nosas voces
en tinas ancestrais. Non inmolamos carneiros
no Muro, non reivindicamos reinos de po,
os nosos soños non cobizan as uvas do veciño
nin quebrantan a Lei.


A TINTA DO CORVO
...
Nas palabras, ti e máis eu confundímonos. Un libro
únenos. E idénticas cinzas son as que nos cobren:
entre tanta escuridade
só somos testemuñas vítimas,
poemas
desnaturalizados, en tanto a devastación culimna a súa festa.


O ENSINO DE HURIYA

II
...
O exilio creou as nosas linguas:
unha coloquial... para que a entendan as pombas e garden a memoria;
a outra literaria... para que eu explique ás tebras as tebras,
...

III
...
... Lémbraste
da fuxida ao Líbano, cando te esqueceches de min
e da bolsa co pan – pan de trigo?
Non berrei para non alertar as sentinelas. Mais o cheiro do orballo
devolveume aos teus brazos, pobre gacela
sen macho nin cría...

VI
...
… sae ao mundo coma un poldro
e se quen queiras ser a onde vaias. Carga
só co fardo do teu corazón... E volve
cando no país caiba o teu país, cando cambien as cousas...
Comentarios (2) - Categoría: libros - Publicado o 17-06-2007 13:53
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
2 Comentario(s)
1 O VI poema lémbrame o exilio no noso país.

Algún día #blgtk08#iremos do Courel a Compostela por terra liberada, que diría o poeta.
Comentario por Hermaco (18-06-2007 10:35)
2 Grazas por descubrirme este libro. Os cabalos... veño de rematar a lectura, outra vez, das Viaxes de Gulliver. Ao final, #blgtk08#canso dos homes, Guilliver decide que os seus dous únicos amigos son dous cabalos. E que son moito mellor que as persoas.
Comentario por náufrago (19-06-2007 11:41)
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática