acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Decimonónica
Unha brasileira, un español e unha galega xantan a unha hora intempestiva despois dunha mañá de encontro poético entre linguas e realidades diferentes.

A brasileira abre a conversa mostrando a súa dúbida sobre a idoneidade de manter as fronteiras no mundo actual. Ela di: “os mapas só são desenhos num papel”. O español concorda. A brasileira engade: “por que criar novas fronteiras, eu não percebo por que é que se reclama a independência hoje.” O español concorda e engade: “eso es decimonónico”.

A brasileira volve preguntar se é certo o que din os cataláns de que están prexudicados economicamente dentro do Estado español. A galega fala da situación de Galiza respecto da produción de electricidade, explica como se obteñen os recursos aquí, coas negativas consecuencias para o patrimonio natural galego, mentres a sede da empresa tributa en Madrid e converte a materia prima galega en española para logo dicir que recibimos recursos do Estado. O español non quere escoitar esta explicación, porque inmediatamente nega que os cataláns estean prexudicados, afirma que se benefician da situación, que Madrid os sostén e que están condicionando o goberno do Estado.

A súa linguaxe facial vai traducindo rancor e, inmediatamente, comeza a dicir que as nacionalidades históricas están sobrerrepresentadas, que teñen máis poder ca outros territorios e que están a condicionalo todo. Non o di, mais intúese que culpa o nacionalismo de que Sánchez non siga gobernando, quen sabe se da actual deriva política do Estado. E entón afirma moi serio que: “yo soy de Izquierda Unida, pero en estas elecciones voy a votar por Sánchez.”

Horas antes, cando a composición da mesa era máis numerosa en persoas, case todas elas galegas, a mesma brasileira manifestara que non entendía o funcionamento do Estado Español, referíase ao Estado das autonomías. A mesma galega respondeulle que en España a situación é similar da que eles tiñan cando pertencían ao Imperio portugués e preguntoulle: “Cando se independizaron vostedes? 1822 -respondeu. Pois nós seguimos como vostedes antes de 1822.” Outro galego sumouse á conversa e abondou no argumento. O mesmo español escoitaba, mais non interveu, cando moi posibelmente estivese en completo desacordo, tendo en conta a evolución posterior da conversa. Curioso.
Isto que comeza como un chiste, ten moito, moito parecido coa realidade, pois, con leves modificacións, é unha conversa real.

Unha conversa en que andei a remoer días despois, comprobando como a rancia e imperial mentalidade española segue a impregnar persoas de toda condición, mesmo as que unha podería considerar de mentalidade máis aberta.

Esta é a súa verdadeira cara.

E eu preguntábame. Pero non se decatan de que xustamente é a contribución do nacionalismo o que pode facer posíbel un avance real para un estado anquilosado e decimonónico? Decimonónico.

Decimonónico é un cualificativo que utilizan contra nós, nacionalistas. E que hai máis decimonónico, no sentido despectivo que eles utilizan, ca un estado en que segue sendo o xefe un rei que, ademais, viste uniforme militar? É que non comprenden que os nacionalismos, o debate que estamos a colocar enriba da mesa é a única vía para que un día se poidan envolver na súa bandeira republicana?

Mais para min, non hai nada negativo en ser decimonónica, ou mesmo romántica, no sentido político do termo. Sentirme contemporánea de Rosalía de Castro e armar os vimbios da República galega. Independizarnos do Imperio, abolir a escravitude, fundar a República, como no Brasil decimonónico.

Artigo publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 06-04-2019 12:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática