acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

2018, azos para a lingua
Dacabalo entre os últimos días de decembro e o inicio do novo ano, formulaba así o horizonte que desexo:


Chegados a estas datas é habitual facermos balance do ano que remata e expresar os nosos desexos de cara ao vindeiro.

2017 comezou cunha nova agresión da LOMCE ao noso idioma. A lei, para a que seguimos a reclamar a derrogación, modificaba as cargas horarias das materias e isto repercutía nas horas de docencia recibidas na nosa lingua. A fatal combinación do Decreto 79 e a LOMCE provocaba que o alumnado da ESO recibise como mínimo dez horas menos de docencia na nosa lingua. Porque non esquezamos que o uso da nosa lingua no ensino está regulado por un decreto que prohibe o seu uso nas materias científicas, desoíndo as máis elementais recomendacións respecto da idoneidade de impartir na lingua minorizada as materias de máis prestixio social.

Nun país cun goberno que crese nel se adoptarían medidas para modificar a situación. Aínda que tamén é certo que se o goberno crese no país e o amase un algo, non teriamos chegado nunca a esta situación.

CIG-Ensino e Mesa, que previamente denunciaran esta agresión e reclamaran unha rectificación da situación á Consellaría de Cultura e Educación, tiveron que pecharse no despacho do Secretario Xeral de Política Lingüística para que os recibisen. A Consellaría comprometeuse tan só a enviar unhas instrucións.

CIG-Ensino e Mesa recorreron tamén á Valedora do pobo, mais en maio recibiron a súa resposta, unha resposta que consideraron “inaceptábel, impresentábel e inxustificábel”, tal como manifestou o Secretario Nacional da federación naquela data.

Unha vez máis, a Lei de Normalización Lingüística segue sen cumprirse. O noso alumnado remata os seus estudos sen que poidamos dicir que é igualmente competente nas dúas linguas.

Hai uns anos doíame escoitar na boca do meu fillo o relato das súas dificultades para usar a nosa lingua e descubrir que se correspondía cruelmente co que eu tamén fixera á súa idade. Mais non podía aceptar que iso fose así, porque nos separaban case trinta anos, trinta anos de Lei de Normalización Lingüística, e termos estudado en contornas diferentes, eu na cidade, el nun ámbito vilego. A coincidencia no relato só revelaba que a pesar dos anos, non se tiñan tomado as medidas necesarias para asegurar o futuro da nosa lingua, é dicir, para mantela viva nos máis novos e novas que son os que a terán que transmitir.

Hoxe, atopamos nas nosas aulas alumnado que a todas as dificultades suma a de ser incapaz de pronunciar os fonemas máis característicos da nosa lingua: o –n- velar e o –x-. Para min isto é un dato alarmante, pois antes de agora, non sermos educados na nosa lingua non significou que desaparecese do noso subconsciente unha certa base fonética e sintáctica que nos permitiría recuperar a lingua. Mais neste momento, ademais das sete vogais ou a colocación dos pronomes, comeza desaparecer algo tan nidiamente galego como a pronuncia de “unha”. Esta situación débese a unha voraz españolización do mundo en que viven as mozas e os mozos e á imposibilidade, con estas ferramentas legais, de influír nesa situación desde os centros de ensino.

A miña é simplemente unha reflexión feita sobre a percepción directa da realidade. Se alguén precisa datos científicos obxectivamente contrastados, podo citar a información publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) despois do censo de 2013 en que se comproba que os máis novos e novas, con idades comprendidas entre 5 e 14 anos, que declaran entender pouco ou nada a nosa lingua foron incrementándose nos tres últimos censos, pasando do 5,16% do censo de 2003 ao 8,62% de 2013, un aumento porcentual que coincide co descenso dos que manifestan ter moito entendemento da lingua, que descenden do 75,44% de 2003 ao 53,61% de 2013. Dez anos de diferenza e unha redución nun terzo da porcentaxe de falantes que na idade de escolarización obrigatoria manifestan entender moito a nosa lingua, ao tempo que case se duplica a porcentaxe dos que din entendela pouco ou nada.

Estuda estes datos a Consellaría de Cultura e Educación? Que conclusións tira? Considera que debe adoptar algún tipo de medida? Por exemplo, derrogar o Decreto 79 que se comproba que é absolutamente ineficaz? E por se non queda claro cito de novo o IGE cando compara os censos de 2008 e 2013:
“Nos últimos cinco anos produciuse unha caída de algo máis de 12 puntos na porcentaxe de estudantes que reciben todas as clases en galego, ata situarse no 2,15% en 2013. A porcentaxe dos que reciben a ensinanza maioritariamente en galego é do 43,7% (2,86 puntos menos que en 2008). Porén, a porcentaxe de alumnos que recibe as clases maioritariamente en castelán incrementouse 18,3 puntos porcentuais ata acadar o 51,08%. Finalmente, en 2013, o 3,08% dos estudantes reciben as clases unicamente en castelán.”

Remata o ano. Botamos fóra o que nos desgusta e centrámonos na esperanza. E eu quedo co abraio do meu alumnado ao saberen da extensión da nosa lingua, como aquel día en que escribimos sobre a posibilidade de atravesarmos o mundo falando en galego. Ou coa retranca coa que comentamos a enleada dos sinais de tráfico de Gondomar.

2018 vainos ofrecer, con certeza, novas oportunidades para seguir a reflexionar, destruír os prexuízos e convidalos a apropiarse da súa lingua propia. Pois como dixo Lois Tobío: “Debemos falar en galego porque a nosa alma coleitiva somente pode espresar compridamente tódolos seus matices no idioma seu, que é tamén unha creación súa. Porque temos a obriga cara o mundo de non o privar dun elemento da súa riqueza espritoal debemos cultivar o galego. A riqueza espritoal do mundo, non é soilo riqueza de cantidade, sinón tamén en caliade, e non temos dereito a matar un matiz cultural.” ("Por que debemos falar en galego", Revista Nós, 1933).
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 17-01-2018 07:44
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática