acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Home invisíbel de Xavier Queipo
Presentación de Home invisíbel de Xabier Queipo
Andel, Vigo, 28 de decembro de 2017

O pasado 28 de decembro participei na presentación do poemario de Xavier Queipo, Home invisíbel, en representación de Caldeirón. Así que, as miñas primeiras palabras foron para o amigo Paco Souto. Lembramos que Paco era un home comprometido co seu país e a súa lingua e que non parou de construír en todo o tempo que o tivemos con nós. Caldeirón existe porque el foi vivir a Malpica e creou alí, xunto con Paco de Tano, a asociación cultural Caldeirón, que daría lugar ao selo editorial. Como outras empresas anteriores: Carpetas do Dragón ou Letras de Cal, era un proxecto pensado por e para os libros.

Despois de facermos un breve traxecto polo que ten achegado Caldeirón á literatura galega, nomeadamente a través do premio de poesía que Paco Souto consideraba absolutamente necesario para remover a poesía galega, presentei e din paso a Cé Tomé, responsábel das ilustracións da capa e do interior do libro. E entón entramos neste Home invisíbel.

Home invisíbel é o cuarto libro de poesía de Queipo, un autor que, se ben se ten achegado a todos os xéneros literarios e a tradución, é recoñecido fundamentalmente pola súa faceta como narrador. Este poemario resultou gañador en 2016 do XII Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas convocado por Caldeirón coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños.

Para min o libro é unha viaxe. Unha viaxe física por distintos espazos, ambientacións e mesmo sociedades e unha viaxe sentimental ao sexo, a todas as súas formas, desde a contemplación platónica até a submisión ou a dor sufrida voluntariamente para obter pracer. Nesta viaxe os poemas abalan entre a suxestión que non nomea e edifica a súa imaxe sobre a sensualidade, e a declaración que dá paso a unha carnalidade innegábel, ás veces corporeizada nun deseño textual esculpido verso a verso.

Son moitos os matices e as formas cos que os poemas deseñan o goce sexual e por iso falo de viaxe, en todas as súas acepcións. Non faltan as referencias á guerra e aos soldados que esquecen as leccións de Clausewitz para entregarse á paixón, nunha especie de alegación antibélica. Ou poemas que nos lembran a autores doutras latitudes, como ese "Dedas" que me fixo lembrar o relato "Os pés de Fumiko" de Iunichiro Tanizaki. E todo isto a través dun conxunto de poemas que se van entrelazando ao compartir referencias e citarse uns aos outros, creando unha armazón que se resume no poema final.

Falamos de poesía, e lemos por puro pracer, non para desvelar o final de un traxecto, por iso podo dicirvos que o poema que pecha o libro é como o seu compendio, como se nese poema se estivese condensando a viaxe realizada. Talvez por iso o título do poema: “Enxurrada de lembranzas” un texto que recreando o tópico do “tempus fugit” decláranos que os poemas foron unha enxurrada de lembranzas do pasado, e que foron “unha xeira óptima cando aínda era visíbel,/ cando o corpo respondía ao chamado doutros corpos, /cando os membros gozaban co ritmo,/ cando o desexo era o anticipo da paixón,/ cando xogaba coa tectónica dos corpos.”

Entre os versos reaparecen os beizos índigo e a lectora entrevé a concreción desa idealización do amor, a que culmina co achado do ser único que agardabamos.

E eu quedo con ese verso en que a voz poética declara estar presa no labirinto dos sentimentos sen posibilidade de saír:

“Teseo sen fío que o guíe no labirinto dos sentimentos.”

Ese Teseo que como Serafina delle Rose non pode impedir que a paixón entre na súa vida e o volva todo patas arriba, derrubando o destino que tiña decidido para ela. Serafina é a protagonista da obra teatral The rose tattoo. Din que Tennesse Whilians creou esta personaxe cando en 1951 namorou dun italiano e a vida se converteu nun choque tectónico de placas.

Como lectora gústame que o texto esperte en min interrogantes, para os que non sempre preciso resposta. Como este home invisíbel que tamén aparece na canción de David Byrne citada por Queipo. Preguntas que só teñen resposta no libro e que nos fan volver a el, demorando a lectura.

Comentarios (0) - Categoría: libros - Publicado o 30-12-2017 19:54
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática