acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Entrevista no Faro de Vigo
O 21 de abril o Faro de Vigo publicou esta entrevista con motivo da primeira presentación ese día de "Na casa da avoa":

Marta Dacosta: "Vivimos nunha sociedade enferma"
A escritora presenta o seu último poemario hoxe en Gondomar

Marta Dacosta vén de publicar Na casa da avoa, un poemario no que teceremos con Penélope, a súa avoa e outras mulleres na busca dunha voz no mundo. A obra preséntaa hoxe no Instituto de Estudos Miñoranos en Gondomar (Pontevedra) ás oito da tarde. "O libro -explica- xorde da escrita de varios textos nos que había a vontade de dar a voz á tódalas mulleres. Ó mesmo tempo, a figura da avoa é unha especie de elexía pola perda dunha muller que era do pobo, unha persoa que pasou toda a vida traballando, sen formación, case analfabeta. Pero que, a pesar diso, e como di un poema, tiña a capacidade de definir que era a liberdade. Esa liberdade entronca coa teoría feminista da independencia económica, do criterio. As avoas son as persoas que nos dan os fíos para retirar os veos que nos invisibilizan".

-Fío é unha verba constante no poemario, como se repite na historia das mulleres a loita contra o destino.

-O que pretende o libro é construír unha nova idea de muller. A pesar do paso do tempo, nós necesitamos falar da nosa realidade. Recentemente, pasou pola televisión unha serie na que aparecía un personaxe histórico galego, a raíña dona Urraca. Mostrábana como unha persoa manipuladora, mala. Ese é o prezo que paga a memoria desa raíña. Na Idade Media, era unha muller antinatural porque en lugar de deixarse someter, reclamou para exercer o seu dereito como herdeira lexítima. A sociedade quixo impoñerlle o ideal de muller como obxecto. Iso recólloo no último poemario do libro. Aparece como oculta na néboa, fáltannos datos sobre ela.Este é un exemplo de como hoxe prevalecen os prexuízos.

-Un estudo entre alumnos da ESO en Santiago recolle a dominación machista nas redes sociais con adolescentes.

-Os alumnos son reflexo da sociedade e repiten o que ven. Todas e todos vivimos nunha sociedade determinada, que está enferma de machismo, de patriarcado. Cada un de nós está enfermo. Algúns somos conscientes desa situación. Tivemos que librar as nosas propias batallas para chegar a ese punto. É certo que avanzamos pero tamén é verdade que, ás veces, os medios que temos para transformar a sociedade non actúan para iso. Unha polémica reiterada é como se recollen os feminicidios nos medios. Non se fala claramente de violencia ou asasinato machista. No seu lugar, aparecen eufemismos para ocultar a realidade. Os adolescentes viven nesta sociedade, consumen publicidade? e vemos que a eses ámbitos se traslada o machismo. Non podemos ser etiquetadas de maneira desprezativa.

- "Na casa da avoa" abunda a mitoloxía, como ve a perda no currículo da Filosofía, Grego ou Latín.

-Estannos empobrecendo. Se podemos expresarnos con corrección e ter bagaxe cultural ampla, vai en beneficio noso. A cultura constrúenos como persoas, dános capacidade crítica. Se se nos priva delas somos máis pobres e menos capaces de analizar. Ímonos facendo analfabetos para comprender o mundo.
Comentarios (0) - Categoría: entrevistas - Publicado o 05-05-2017 20:03
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática