acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Os clubs de lectura
Este 3 de maio estiven no Club de Lectura Araos do IES Pedra da Aguia de Camariñas, convidada por Mónica Places Torrado, lectora atenta e amiga. Era unha sesión dobre. Á mañá co alumnado de 3º e 4º da ESO, á tarde co club de adultas. Falamos de Setembro, un libro que ten xa vinte anos e que elas esgotaron. Rematouse a edición.

Para falarlles do proceso de escrita de Setembro, fotografei algúns orixinais, cos que lles mostrei (por primeira vez) non só como é de impulsiva esa primeira fase da escrita (en Palavra comum definín as que son para min as tres fases da escrita), que me fai anotar onde podo (un anaco de periódico escribindo por riba da letra impresa, unha gravación de voz …) ou que un poema pode escribirse nun minuto ou durante un ano.

Eu lembraba perfectamente que o poema “Hoxe estou en silencio…” que acabou por transcender o libro, foi escrito durante un tempo longo. Ao revisar os orixinais comprobei que ese tempo ía desde o 2 de decembro de 1995 ao de 30 novembro de 1996, un ano. Un ano reescrituras desde o primeiro borrador do que apenas se salvaron algunhas palabras para dous versos. O poema acabou nunha proposta de comentarios literarios dun manual de literatura e convertido en canción por Xardín Desordenado, na marabillosa voz de Marlene Rodrigues.

As lectoras e os lectores queren “entender” o poema e, ás veces, néganse a quedar coa súa lectura, que é a lectura verdadeira, pois despois de publicado o poema é tan seu como da escritora ou o escritor. Eu insisto en que se trata de sentir, de gozar coa súa música, igual que son capaces de gozar cunha peza musical, clásica ou moderna, sen ter que saber exactamente se ese movemento fala da chuvia de primavera ou nos conta unha lenda dun país afastado. Coinciden en que ese goce é posíbel. Mais, curiosidade humana, por que escribiu a/o poeta eses versos? Máis ca entender, as lectoras e os lectores queremos saber cal é o pre-texto que levou ao poema, á metáfora, mesmo á imaxe irracional.

Dicíalles o outro día, e ratifico o dito, que son eu a que gaña nestes encontros coas lectoras e os lectores. Gaño na riqueza das súas lecturas, na sorpresa ao descubrir a vida que late baixo algúns versos, na satisfacción ao reler o pasado e afirmarnos de cara ao futuro.

De Camariñas traio unha alfaia. Seica debateron moito sobre un poema que apenas ten dous versos:

Hoxe nácenme fontes polas liñas da man,
será de estar coidando dos xoguetes da infancia.


Despois de darlle moitas voltas concluíron que a poeta choraba coas mans tapando os ollos e así xurdían as fontes, carreiros de bágoas a mollar as mans e provocar a imaxe da fonte a nacer. Nunca imaxinei así o transfundo do poema. E fascíname.

Moitas grazas.
Comentarios (0) - Categoría: Obradoiros - Publicado o 05-05-2017 20:05
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática