acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A muller que le (I)
(imaxe: cartel do filme de Passolini, con Medea interpretada por María Callas)



Recentemente Katleen March respondíalle a Ana Romaní que hoxe ler como feminista é “o único xeito de ler, como muller...Non hai outra maneira de facelo” e engadía que hai que “Ler con ollos de desexo de igualdade, non depender das interpretacións anteriores doutras obras...”

Entre as miñas últimas lecturas están un par de libros que me empurran a escribir hoxe este artigo e colocar á fronte del estas palabras de Katleen March, porque só podo lelos como muller. A primeira desas lecturas foi Medea, a tradución para o galego que José M. Otero realizou da obra de Séneca. O propio Otero, tradutor de Catulo ao galego e profesor meu de latín no curso 1982-83, agasalloume o libro coa sa intención de que me descubrise un mundo novo, isto é, que se convertese en pretexto ou inspiración literaria, e desde logo que o conseguiu.

“(Medea.-) Ármate de ira e de todo o teu furor
para a morte: que lembren o meu repudio
igual que a miña voda…
Familia que nace dun crime, cun crime debe rematar.
” (v. 51-55)

Nunca até agora me achegara á personaxe literaria de Medea e isto porque o mito que chegou até nós fixo que me fose desagradábel. Non soporto a violencia contra os pequenos e pequenas, nin sequera na ficción. Mais a curiosidade de ler a Séneca en galego e a introdución de Otero permitíronme achegarme á personaxe e, daquela, quixen saber máis. Medea, como asasina dos seus fillos, toma forma na man de Eurípides. Hai quen diga que Eurípides constrúe así a personaxe inspirado no ouro que lle pagaron os Corintios. Sexa certo ou non, o que parece definitivo é que os Corintios se preocuparon de desaparecer como responsábeis das mortes dos nenos na literatura, tal e como aparecían en versións anteriores.

“(Medea.-) Todos os camiños que che abrín a ti, pecheinos para min.” (v. 458)

Mais cal era realmente a culpa de Medea? Namorar de Xasón, o mozo que chegou ao seu pobo co encargo de roubar a súa riqueza máis prezada. Ela deuno todo por el, actuou contra a súa propia familia e axudouno a perpetrar o roubo, completamente cega… de amor. El, en ningún momento evitou ningunha das mortes que se foron sucedendo, consciente como era de que así ía converténdose no heroe que Creonte recibiu cos brazos abertos. Todo o contrario, aproveitou todos os sucesos e, unha vez en Corinto, deixouse querer e repudiou Medea para medrar socialmente, un camiño que iniciara cando partira na procura do Vélaro dourado. Lido desde hoxe, unha clara metáfora de como o home creceu e se enriqueceu socialmente a custa da muller sobre a que se apoiou.

“(Medea.-) Fillos meus
noutro tempo, pagaredes polos crimes do voso pai....” (v. 924-925)


Mais, malia o dito, non podemos esquecer que Eurípides, como Séneca, utilizan o mito de Medea para facer unha crítica social. Medea representa a contestación ao sistema imperante, un sistema que tentou esmagala negándoa, pois para alén de ser muller, convértea en estranxeira que, na altura, era o mesmo que non ser humana: “os mitos e as traxedias descóbrennos como a muller representa a alteridade fronte á que se crea a identidade masculina. O tirano, a muller e o bárbaro son presenzas que na cidade democrática non poden ter cabida e dentro da traxedia clásica constitúen a alteridade destinada a convocar na mente dos cidadáns os beneficios dunha política decidida colectivamente pola comunidade masculina” (Mireia Movellán 2016, “Medea, la tragedia de la femme fatale”). E a pesar de todo vence, pois acaba por saír voando nun carro tirado por serpes. Empodérase até o punto de aparecer como asasina dos fillos, ou o que é o mesmo, ostentar o poder que só estaba reservado ao pai de decidir sobre a vida da descendencia. Así a presenta Eurípides ante os gregos que, se ben refugan tan controvertida personaxe, non poden esquecer que, segundo as súas crenzas, está na súa xenealoxía e que algo dela tamén está en cada un deles.

“(Medea.-) Por que me mandas saír soa?
Eu non vin soa. Se temes a guerra,
bota a ámbolos dous. Hai dous culpables. Por que tes preferencias?”
(v. 273-275)

Séneca reproduce este esquema argumental. Unha das diferenzas entre a obra de Eurípides e a de Séneca é o coro. Na traxedia grega é un coro de mulleres que, por veces, empatiza coa protagonista. Na obra de Séneca o coro é un coro de homes que reproba Medea. Tamén a peza de Séneca ten unha lectura social importante. Como sinala Otero no seu estudo introdutorio: “O lector poderá atopar reflexións sobre as consecuencias do poder exercido inxustamente e as paixóns desbordadas do canle da razón, sobre as consecuencias do progreso e a civilización e a fraxilidade das organizacións sociais”. Non é posíbel datar con exactitude en que momento escribe Séneca Medea, se durante o exilio en Córsega, tras o asasinato de Calígula, ou se á volta do exilio, como educador de Nerón; ou se anos máis tarde coincidindo coa morte de Burro, momento en que Séneca deixa de ser unha referencia para o emperador. Sexa como for, non son quen de separar a realidade de que Séneca escribiu a súa obra nun período histórico convulso, entre Calígula e Nerón, e con esta referencia histórica interpreto a lectura social de Medea.

“(Medea.-) Morran para os bicos do pai;
morreron antes para os da nai.”
(v. 950-951)

En canto ao filicidio, existe a lectura da morte como liberación. Medea asasina os seus fillos para evitarlles outra morte máis atroz, a que lle producirán os corintios. Esta interpretación lévame a Beloved, a novela da americana Toni Morrison en que a morte e o amor se tocan na crueldade inexplicábel da nai que quere matar os fillos para salvalos. Unha historia terríbel que se constrúe para darnos a dimensión da traxedia vivida en carne propia, para denunciar a escravitude e a marxinalidade á que a sociedade americana someteu os seus membros non caucásicos. Unha denuncia que nos impregna mentres nos entrega, do mesmo xeito que debandamos unha madeixa, un pouco máis de fío para chegar á cerna do sufrimento, ao mesmo centro da barbarie na procura da liberdade: “Não me cabe a mim saber o que é pior. Cabe-me a mim saber aquilo que existe e mantê-los afastados daquilo que sei ser terrível. Foi o que fiz.”

“(Medea.-) Agora, eu son Medea.” (v. 910)

Precisamente en Medea atopamos tamén unha afirmación de liberdade, a da muller que se libera da dependencia do esposo e afirma: “Agora, eu son Medea”

Con vinte séculos ás costas, os meus ollos len Medea dentro dos parámetros de hoxe, alargando a entropía do texto clásico. Por un lado, reparando en como os mecanismos do poder poden chegar interferir mesmo na construción das personaxes literarias, modificando a obra para crear novos e “máis útiles” arquetipos e sucesos míticos e históricos. Por outro, Xasón e Medea son unha parella que se separa despois dunha relación que coloca os cónxuxes nunha relación de desigualdade: el enriqueceuse a costa do matrimonio con ela, literal e simbolicamente, mentres ela perdeu todo e quedou privada da relación cos seus. Neste contexto a nai “mata” a descendencia para o pai, loitando pola súa custodia e tratando de impedir que sexan as seguintes vítimas do proxenitor. Tamén os propios fillos ou fillas rexeitan e renegan do pai, solidarios coa nai nos seus padecementos, vingando con esa “morte” a dominación á que o pai a someteu. Unha dominación extrema que a converteu en obxecto que só era útil mentres lle procuraba beneficios sociais, e que no momento en que os impedía, podía ser botado fóra, sen máis.


Referencia:
Otero, J.M. (trad.), 2016, Medea, de Lucio Anneo Séneca, Noia, Toxosoutos.

Xaneiro 2017. Publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 27-01-2017 09:00
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática