acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Medea vista por Evelyn de Morgan

Adoro a pintura da segunda metade do XIX, a pintura inglesa que se inicia coa Irmandade prerrafaelista (1848-1853). Busco as obras e comprobo como trataron as personaxes literarias que me obsesionan. Así foi con Ofelia: “Millais retratounos unha Ofelia definitivamente morta, a beleza inmóbil da moza aboiando por entre un exhuberante xardín. Arthur Hughes retrata a Ofelia vestida de branco, como sorprendida recollendo flores, cunha mirada tristemente calma. Tamén John William Waterhouse pinta a Ofelia vestida de branco, unha Ofelia deitada na herba, abandonada aos seus pensamentos, porén, en 1910, o vestido de Ofelia tórnase gris, e a súa mirada fálanos da loucura. Todos eles retratan a Ofelia en solitario.”

Mais Henrietta Rae (1859-1928), a pintora defensora do sufraxio feminino que conservou o seu apelido de solteira, “sitúaa fronte aos reis de Dinamarca, no momento en que comeza a recitar os nomes das flores que leva, ese momento en que a nai de Hamlet ve que a moza está a fuxir da realidade. No lugar que ocupa Ofelia a luz inunda o lenzo e así, Rae contrapón a luminosa imaxe da moza, como símbolo do amor, da beleza e da inocencia, á escuridade dos adultos que levantaron un pazo de corrupción e mentira.”(1)

Agora que volvo os ollos a Medea e tento comprender a personaxe literaria (grazas á lectura da tradución que de Séneca fixo J.M. Otero), coñezo a pintora Evelyn de Morgan (1855-1919), contemporánea de Henrietta. Evelyn era unha pacifista que dedicou unha parte da súa arte a ilustrar os horrores da I Guerra mundial. Mais hoxe achégome a súa obra para reparar en como as retratou a elas: Helena, Ariadna, Deianira, A prisioneira ou Medea.

A súa Medea, aquela muller literaturizada como asasina dos seus fillos polos clásicos gregos, camiña a través dunha sala suntuosa, rodeada de pombas e de flores, e porta na súa man un frasco dun líquido tan vermello coma o seu vestido, o mesmo frasco, da mesma cor, do que terma a raíña Leonor ante Rosamunda noutro cadro. Un frasco de veleno.

Mais Medea foi retratada por Evelyn de Morgan cunha mirada perdida, sen rastro de maldade, soa fronte a un destino que a nega.

(1) Da anotación: “Henrietta Rae” publicada en acuática o 25-11-2009.
Comentarios (0) - Categoría: Xeral - Publicado o 24-12-2016 11:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática