acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Homenaxe a Miguel González Garcés

O día 30 de novembro participei no recital de Homenaxe ao poeta Miguel González Garcés que organiza Cultura da Deputación da Coruña.

Foi unha honra participar desta volta e ter recibido daquela (1995) o premio.

Dixen alí que estou agradecida de que existan certames que visibilicen a poesía e dean nova vida aos poetas que os nomean. Dixen que estaba agradecida ás institucións que así o fan, aínda que considero que é a súa obriga, mais xa sabemos, que non sempre a asumen. Así que parabéns a quen, coma neste caso, si o fai.

Lembro moitas cousas deste premio. Lembro a conversa con Xabier Baixeras, membro do xurado,sobre o libro. Lembro que o día da recepción (na imaxe de arriba) estaba inqueda porque non estaba co meu bebé, este ser marabilloso que se xestaba en min mentres escribía os poemas do libro e que é o primeiro nome que aparece nel.

Sei que a primeira reacción provócaa o título: Pel de ameixa, un título que ten a súa interpretación única no poema co que se abre o libro: "Nesta pel de ameixa que me cobre ..." e noutro, o terceiro poema de Setembro, o que fala da ameixeira ao pé da casa, árbore real que foi orixe da imaxe ambivalente. Cóntame Foxo que Manuel María que gustaba do libro, consideraba que o título non era acertado, mais que acabaron entendendo o seu por que.

Curiosidades que rodean a vida dos libros, coma que nesta data en que celebramos a homenaxe do centenario de Garcés, este penúltimo poema do libro que aparece na imaxe teña nova actualidade.

No acto lin o poema "Non magoe", do libro As faíscas do soño. Del di Eduardo Moreiras: "a súa poesía vai da sombra ao cintileo, da lama escura orixinaria á pergunta desesperada que lle dá vida. "Lama no niño que de luz creímos", di no poema "Non magoe a azucena os meus ouvidos".
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 03-12-2016 08:55
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática