acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

“As horas roubadas”. Retrato das mulleres na Transición.
Rematei xullo lendo "As horas roubadas" de María Solar e sentín a necesidade de escribir estas liñas sobre unha novela que me conmoveu pola súa capacidade para retratar situacións dolorosamente reais.

Como a dominación, o maltrato psicolóxico da muller. María Solar achégase a ese maltrato que non adoita ser recoñecido e que sempre foi esquecido porque esa situación formaba parte do "normal", aínda que, na realidade, sexa unha situación de violencia extrema que acaba por anular a vítima. Unha vítima que non se considera tal ou que tarda un tempo infinito en comprender que esa é a súa situación e, cando por fin a asume, é xa unha muller maior, que perdeu a vida porque viviu a vida doutro sendo, literalmente, a súa escrava. Unha escrava con contrato. Contrato de matrimonio.

Diría que esta trama da novela é particularmente dolorosa. Non só porque é real, senón porque segue a selo.

Tamén me parece de especial interese o retrato das clases sociais a través da posición das mulleres que a elas pertencen.

María Solar escribe unha novela coa que chegar a todos os públicos: entrelaza historias que involucran a adolescentes e a adultas mantendo o interese por todas as tramas. E presenta un conflito de clases: entre progres, a clase media, neste caso enriquecida na emigración, de formación universitaria e con éxito profesional; traballadoras, a clase obreira alienada e embrutecida, incapaz de recoñecer e superar a brutalidade en que vive; e de apelido, a xente ben de toda a vida, exactamente a xente ben do franquismo, dona de todos os privilexios e instalada no poder, desde entón e para sempre. Tres familias que encarnan estas clases sociais e en cada familia unha muller: Rosa, a muller sometida, dobremente alienada pola opresión de clase e pola opresión patriarcal; Lola, a muller que foi formada para ser dona de si e acada a independencia económica e a nai de Nuria, unha "señora" das que ten criada a tempo completo de uniforme e cofia e dedica o seu tempo a planificar o matrimonio da filla. Tres mulleres, tres clases sociais, tres formas de vivir o amor: desde a dominación á aparencia, desde a negación á asunción da realidade de que, como dicía o cantautor, o amor é eterno mentres dura.

Cada lectora engánchase á lectura a través dunha trama, unha idea, un fío co que conecta. A novela é o retrato da sociedade na Transición, e nese retrato cada unha de nós podemos atopar o espello en que mirarnos.

Porque ao final iso é o que buscamos nun libro, un espello en que recoñecernos.


Agosto de 2016
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 09-08-2016 10:08
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática