acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

A farsa da Transición
O 26 de maio deste ano, o pleno do Concello de Ribadavia aprobaba por unanimidade unha proposta do BNG “pola necesaria homenaxe ao literato galego Manuel María en Ribadavia”. A proposta explicaba con detalle a relación de Manuel María con Ribadavia, anterior á propia Mostra de teatro e di: “A presenza de Manuel María e Saleta en Ribadavia era continuada cada primeiro de Maio no Xantar enxebre que organizaba Abrente, e durante a semana da mostra a súa ausencia non existía”. Case dous meses despois, este 16 de xullo, inaugurouse a Mostra dando cumprimento á vontade deste acordo plenario. A Casa de Cultura de Ribadavia leva desde entón o nome de Manuel María, así o testemuña unha placa e un mural. Un dignísimo recoñecemento para quen foi autor nada menos que 36 títulos de teatro, unha cifra que non sei se sería superada por outros autores.

Agradecemento pois ao BNG de Ribadavia e ao seu único concelleiro que defendeu esta proposta e conseguiu un acordo plenario que deu lugar a un recoñecemento que fai xusta memoria de Manuel María. Agradecemento tamén aos responsábeis da Mostra Internacional de Teatro, por ter recollido e levado adiante a iniciativa.

O teatro de Manuel María. A Mostra de Ribadavia

A vinculación de Manuel María coa Mostra de Teatro de Ribadavia iníciase desde o primeiro momento. De feito, no propio ano 1973, Manuel María resulta gañador do I Premio de teatro Abrente, recibido ex aequo con Euloxio Ruibal. A obra coa que resultou vencedor foi presentada ao certame co título de “O meu reino non é deste mundo”. Manuel F. Vieites considera que aquel primeiro premio ofrecía “dúas formas ben diferentes de entender a creación dramática, dous modelos que falan de dous teatros posibles.”[1] No caso de Manuel María bebendo de manifestacións populares, tal e como recomendara Castelao ou fixeran Blanco-Amor ou Lorca, a quen cita ao inicio da Farsa.

A obra fora escrita tres anos antes e o seu título era: Farsa de Bululú, título co que se publicará en 1992 naquela colección Biblioteca 114 de El Correo Gallego. Esta edición ábrese cunha nota do autor que explica a xénese da obra: “comecei a escribila no nadal de 1969 despois dunha visita -¡o que son as cousas!- que lle fixen ó Alcázar de Segovia. En Segovia quedou rematado o primeiro lance da farsa. En xaneiro de 1970, xa en Monforte de Lemos, rematei a obra.”[2]. Nesa mesma nota, Manuel María informa ao lectorado de que a obra estivo para ser publicada en dúas ocasións, mais esa publicación non se concretou por mor da censura franquista. Así que até 1992 non foi a primeira edición íntegra en formato de libro, pois a edición por entregas que realizou o xornal portugués Noticias de Guimarães non sabía o propio autor se fora de toda a obra.

E é que a Farsa de Bululú deixa pouco lugar ao equívoco. É evidente que se trata dunha crítica da ditadura franquista (as referencias aos fusilamentos de republicanos federalistas, por exemplo, aparecen xa na primeira escena), moi especialmente do momento en que se escribe (1969-1970) e que, ironicamente, adianta o sucedido despois, pois hoxe podemos ler a obra, e moi especialmente a escena VI da Xornada II, como unha caricatura do que foi o pacto da Transición española.

Pilar García Negro no seu relatorio “O teatro de Manuel María” realiza unha clasificación baseada na perspectiva semántico-intencional e sitúa esta obra entre as que tratan da liberdade e a súa concreción histórico-mítica. Neste relatorio sinala Pilar García Negro que “está por facer a análise integral desta parte da produción do autor”[3], afirmación que, malia ser este o ano en que se lle dedican as letras, aínda temos que manter.

A obra non se publicou integramente até 1992, mais desde 1979 contou con varias representacións. Grazas aos datos fornecidos por Camilo Gómez Torres sabemos que a obra foi representada primeiro polo Grupo de Teatro Tagallo de Perlío, que realizou unhas cinco representacións en 1979, posibelmente con motivo do Día das Letras Galegas. O Grupo de Teatro Celme, do Instituto de Monforte, representouno en 1984. Once anos despois, 1995, foi representado tamén en Monforte e tamén con motivo da celebración das Letras polo Alumnado de Acceso.

En 2005, un ano despois do falecemento do autor, Teatro do Morcego, baixo a dirección de Celso Parada, realizaría varias representacións, a primeira delas en Pontevedra, o 27 de novembro, espectáculo ao que asistín. Teatro do Morcego sinala no programa que conserva a Fundación Manuel María que a obra “bebe nas fontes satíricas da tradición galega do escarnio e maldicir, ten claras referencias valleinclanescas e tamén lorquianas e mesmo, aínda que Manuel María parece ser que non coñecía o Ubú Roi de A. Jarry, ten tamén certas semellanzas interesantes con esta gran obra do teatro do absurdo, como moi ben teñen apontado Lourenzo e Pillado na súa obra “O teatro galego”. Nós escollemos esta obra de Manuel María porque representa, se se quere, a metáfora do militarismo actual no mundo”[4].

Precisamente Lourenzo e Pillado, en 1979 no seu libro O teatro galego, dan conta do teatro de Manuel María. Estes autores dividen o seu teatro en pezas poéticas e pezas políticas e sinalan que A Farsa de Bululú é unha obra ponte entre as pezas poéticas e os dramas políticos referidos á historia de Galiza, indicando que estaría inspirada no Ubu Roi, o que como sinala Teatro de Morcego non é posíbel por descoñecer Manuel María a obra do francés no momento de escribir esta farsa. Lourenzo e Pillado salientan ademais a importancia do papel de Manuel María como divulgador do teatro galego.

En O Teatro Galego Lourenzo e Pillado informan pormenorizadamente dos primeiros anos da Mostra de Ribadavia, “unha aventura teatral” que non contou con ningún tipo de apoio, nin sequera de destacados sectores da cultura galega. Estes autores consideran que “A mostra de Ribadavia … foi sobor de todo, unha caixa de resonancia das inquedanzas sociopolíticas e estéticas da xeración máis nova.”[5], a pesar de considerar que a urxencia de utilizar todos os medios para criticar a situación política tivese un peso excesivo nas obras escritas naquela altura, algo que, se cadra a día de hoxe, para os novos lectores e lectoras carentes do coñecemento do marco sociopolítico en que se escribe a obra, sexa unha pexa para a súa completa comprensión.

Pola miña parte, non deixo de reparar no feito de que A Farsa de Bululú non fose representada naqueles primeiros anos de Ribadavia. Zardigot, a peza de Ruibal que tamén fora premiada no Iº certame, si foi representada ao ano seguinte, ou As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, premio de teatro infantil O Facho no 73, tamén foi representada nese mesmo ano. Curiosamente, Manuel María e Casares veñen coincidir naquela data, como agora coinciden na sucesión da celebración das Letras.

O bululú: a elección do título

A edición de 1992 arrinca cunha cita de Lorca, xustamente do Retablillo de Don Cristóbal (esa personaxe dunha obra durante a representación da cal foron detidos dous monicrequeiros): “Enchamos ó teatro de espigas frescas, debaixo das que vaian palabrotas que loiten na escea co aburrimento e a vulgaridade a que a temos condeada e saludemos oxe en “La Tarumba” a Don Cristóbal o andaluz, curmau do Bululú galego e cuñado da Tía Norica, de Cádiz; irmau de Monseieur Guiñol, de París e tío de don Arleguín, de Bérgamo, como un dos persoaxes en que sigue pura a vella esencia do teatro”. A cita ten pois por finalidade contextualizar a elección do nome na tradición do teatro popular. Por certo que Lorca, nesta cita, resposta a Valle Inclán, sinalando que o Bululú está emparentado con outras personaxes teatrais do mundo, pois nace da tradición da Commedia dell’arte.[6]

O Bululú é, para entendérmonos, unha forma de representación. Non hai compañía, un único actor realiza toda a obra. Hai quen o emparente os actuais contadores con este Bululú, aínda que a influencia dos shows televisivos afaste ambas as modalidades de interpretación.

Por que escollería Manuel María o nome do Bululú para titular a súa obra? Pretendía que así fose representada, por un único actor? Un actor que actuase máis como un contador da historia? Creo que non. Para min se hai unha razón está no protagonista, ese rei Bululú que encarna o ditador Francisco Franco (presente en case todas as escenas da obra), único actor do seu drama: a ditadura, até o punto de que todos os que o rodearon eran, na realidade histórica, un simple coro que repetía o que el dicía, tal e como na obra sucede.

Unha personaxe a analizar: a damiña Facunda

Ao ler a obra reparei na forma en que esta personaxe era presentada. Previamente, o rei Bululú manifesta a súa necesidade de atopar unha compañeira, ao que o seu coro de aduladores, ou ministros, responde que precisa unha fanegueira, ou o que é o mesmo, unha rentista, unha adiñeirada. A damiña Facunda aparece en escena como abandeirada (cunha bandeira roxa) dunha revolta. Unha revolta “progre”. Ela mesma é presentada como “unha rapaza “progre” no peor senso da palabra”.

Así presentada e lendo cal era o seu papel na obra, conclúo que a damiña Facunda é propiamente unha personaxe que representa a clase media, aquela clase media á que Manuel María acusaba no poema de traizoar a Galiza. Ela é xustamente a colaboradora necesaria para que se perpetúe a tiranía deste rei absurdo, ela é a que acaba pensando e gobernando mentres o rei, o ditador, envellecido, a penas consegue levantar a súa cachiporra para seguir dando golpes.

O con-texto: a sucesión de Franco

Continuar lendo en Terra e Tempo
...




[1] Vieites, Manuel F., “Teatro nacional e popular”, Faro da Cultura, Faro de Vigo, 29/03/2007
[2] Manuel María, Farsa de Bululú, 1992, Santiago de Compostela, El Correo Gallego, páx. 9.
[3] García Negro, M. P., “O teatro de Manuel María”, Manuel María: literatura e nación. Actas do Congreso: “Manuel María: literatura e nación”, 2005, A Coruña, Universidade da Coruña, páx. 229.
[4] Teatro do Morcego, http://www.casamuseomanuelmaria.gal/noticias/13.htm;jsessionid=3332CD0D02E30C27EA1B48F56BF9C007?paxina=5
[5] Lourenzo e Pillado , O Teatro Galego, 1979, Sada, Edicións do Castro, páx. 153. [6] Ricardo Domènech, García Lorca y la tragedia española, 2008, editorial Fundamentos, páx. 55

Artigo publicado o 25 de xullo de 2016 en Terra e tempo
Comentarios (0) - Categoría: Ao redor de Manuel María - Publicado o 26-07-2016 19:25
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática