acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Os elefantes de Riveiro Coello


A morte soluciónao todo para quen falece pero para os que fican xorden grandes interrogantes


Talvez esta afirmación da protagonista da última novela de Antón Riveiro Coello sexa, para min, a frase que mellor resume a obra. Porque Os elefantes de Sokúrov son unha viaxe ás fontes da memoria, unha especie de reconstrución dun crebacabezas en que, a medida que o lenzo final vai collendo forma, as pezas vanse singularizando e redefinindo, como se as vísemos por primeira vez.

Riveiro Coello prende a nosa atención desde o propio título, un título que non se fai completamente comprensíbel até a derradeira páxina, nun final insospeitado, poético e esperanzador.

Como insospeitada, poética e esperanzadora é esta novela, unha narración escrita desde o presente, con todas as dificultades que iso impón. Adoitamos dicir que precisamos perspectiva para analizar os feitos, que precisamos tomar distancia temporal, ás veces mesmo espacial. Non é a primeira vez que unha autora, ou autor, resultan xulgados severamente ao levar ás páxinas da novela feitos recentes, desde o meu punto de vista, sen valorar as dificultades que supón tratar sobre algo tan inmediato, aínda no asentado na memoria colectiva. Riveiro atrévese co actual contexto de crise e resólveo con solvencia e mesmo con esperanza, un sentimento que queda en nós pechar as páxinas do libro.

Con todo, non se limita a retratar a vida das vítimas do actual contexto socioeconómico: sen teito, desafiuzadas, titulados sen traballo ou vellas que precisan acompañarse entre si; senón que conecta esta xeración coa dos seus predecesores, vítimas tamén no seu momento: a xeración perdida dos 80, mozas e mozos vencidos pola droga que non sempre puideron refacer as súas vidas. E así concluímos que cada xeración ten os seus propios retos ou que os tempos de hoxe gardan triste semellanza con aqueles 80, cando menos no que á crise económica se refire ou ás retorcidas ferramentas do sistema para controlar a súa contestación.

Cómpre salientar a coidada prosa do autor, esa habelencia que nos prende á lectura máis alá da trama e do seu desenvolvemento. Ou as referencias á esa realidade que nos asfixia: “Xa non queda unha verdade nas noticias. O panorama é desolador. Todos somos culpables.” Ou a capacidade para encaixar un berro necesario, que precisamos ler mesturado na ficción, porque a literatura é ante todo mensaxe: “En moitos países xa prohibiron o circo con animais e non entendo como aquí aínda se permite. É algo triste, moi triste.”

Tamén o recurso á arte, especialmente á plástica, a través fundamentalmente do cine, mais dun cine que conecta directamente coa pintura. Talvez para crear esa metáfora visual que o autor considera necesaria na novela, ou como pegada desas teimas das que afirma Antón Riveiro que @s escritor@s somos escrav@s.

Esta é unha novela sobre a memoria. Sobre a memoria que gardamos do que sucedeu, sobre como construímos e conservamos a imaxe dos que xa non están. Unha novela sobre como nos afecta esa memoria, como nos doe o seu descoñecemento, a súa deformación ou como condiciona o noso futuro. Como nos moldea como persoas, construíndo o noso mapa de segredos, os que, como afirma Linda: “son … os que nos definen”.

En definitiva, unha novela que desde o logrado deseño dunhas personaxes moi reais, retrata o presente e o pasado inmediato, poñendo ante nós un espello que nos devolve a imaxe do que somos.

Na entrevista que Carme Vidal lle realizou para A Nosa terra ao obter o premio Álvaro Cunqueiro pola novela Homonim@ (2001), Riveiro Coello afirmaba: "(na novela) É preciso coidar a prosa, teño na metáfora a mellor maneira de criar sensación novas. Coma leitor agradezo a metáfora visual. Compre ademáis ter estructura e escritura. Para facer unha novela fai falta boa imaxinación e boa prosa. Hai estupendas histórias desaproveitadas e boas prosas que non teñen história. O segredo dunha boa novela está en contar con eses dous elementos".

E si, Os elefantes de Sokúrov teñen boa imaxinación e boa prosa.


Artigo publicado en Sermos Galiza o 10 de xaneiro de 2016.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 10-01-2016 18:35
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática