acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Artigo sobre Ana Luísa Amaral en A Nosa Terra
Este foi o artigo que publiquei sobre Ana Luísa Amaral, probabelmente a finais do ano 2002 en A Nosa Terra.

O artigo, xunto con algún libro meu, envieillo a Portugual, mais nunca o recibiu, talvez porque algunha lectora compulsiva non puido deixar que os libros chegasen a destino.


ANA LUÍSA AMARAL

Unha tarde de sábado, mentres tiraba libros do andel na Bertrand de Braga caeu nas miñas mans o poema. O libro titulábase As vezes o paraíso, de Ana Luisa Amaral, até aquel momento completamente descoñecida por min.
Lino unha e outra vez, sen saber explicar por que me recoñecía no poema, por que me identificaba coa muller que escribía naquel libro. Foi un achado importante. Víame nos versos e recoñecía o que para min é un mesmo gusto pola palabra exacta, transparente e simbólica, capaz de nos trasladar os sentimentos e ao tempo construtora dun mundo propio. Unha poesía sen artificio innecesario.
Foi así que, un ano despois, mentres gozaba do sol e da praza, da República, no decembro vianés, volvín procurar os versos de Ana Luisa Amaral, Imagens, Minha señora de quê. Insuficiente, debía volver novamente para poder ler tamén Coisas de Partir, non había máis nos andeis.
Ana Luisa Amaral é profesora de literatura inglesa na Universidade Nova de Lisboa, estudosa da obra de Emily Dickinson e das irmás Bronte. Publicou o seu primeiro libro de poesía en 1990, Minha señora de quê. No prólogo da segunda edición, en 1999, M. Irene Ramalho de Sousa Santos di que desde a publicación dese seu primeiro libro a poeta “Se tem vindo a impor nas nossas letras” e ás avesas aparece a súa concepción da práctica poética. Para Irene de Sousa isto é así porque xa neste primeiro libro Ana Luisa Amaral se presenta como o contrario do que a tradición recolle para a figura do poeta: “mulher e nao homem; despojada ..., desinspirada ..., ausente...” E certamente Amaral fai fincapé en contrariar a tradición, reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza. Principalmente en Imagens (2000) en que transitan entre os versos as sombras de Penélope, de Helena, de Medea, a Penélope que se nega a Ulises, que non regresará, Medea que decide ficar no palacio.
Anos antes publicara Coisas de partir, libro do que podemos atopar poemas traducidos en compaña de Andolin Egurkitza, onde a ironía é a chave que abre a porta da reflexión. En Coisas de partir atopamos o “Reais ausências”: “Nao há rainhas, nao. // Quando se fala em mitos, é sempre Artur // ou D. Sebastiao ...”, e o magnífico “Lugares comuns”, un poema sobre a uniformidade das concepcións sociais, en Portugal, ou Londres: “e pensei que afinal nao interessa Londres ou nós, // que em toda parte // as mesmas coisas sao.”
As mesmas cousas son, a mesma necesidade de escribirnos, definirnos, construirnos ... en feminino.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 05-02-2015 15:24
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática