acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Desde este lugar do mundo
Artigo sobre a participación da literatura galega no Festival Isla, publicado en Sermos Galiza:

A literatura galega estivo convidada este ano no Festival Isla de Literatura que organiza o Instituto Cervantes de Dublín desde 2012. Neste festival adoitan participar escritores en lingua española, inglesa e gaélica, e desde o pasado ano tamén en vasco. Este ano era o primeiro en que se convidaba a literatura galega, despois de que o Cervantes solicitase a colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG, entidade que xa colaborou con outras actividades centradas na difusión da literatura galega e realizadas no Cervantes.

Alí acudín, pois, en representación da AELG, e puiden comprobar varios puntos de conexión coa literatura escrita en Irlanda. Así quedou patente na mesa en que participei, que baixo o título de A palabra imprecisa e moderada polo Director do Centro de Estudos Galegos de Cork, Martín Veiga, centrouse fundamentalmente no papel da lingua e na nosa relación con ela.

Na mesa interviñan Hugo Hamilton, escritor en inglés de varias novelas e dous libros de memorias, o máis coñecido The Speckled People en que nos fala da súa infancia en Dublín, no que el define como “guerra de linguas” (seu pai prohibíalle falar inglés). E Manchán Magan, escritor en inglés e gaélico e realizador de televisión responsábel da serie documental No Béarla en que só se emprega o gaélico. Tres posicións de partida ben diferentes mais desde as que puidemos atopar puntos de conexión entre as dúas nacións: o desprezo á lingua propia e a súa necesidade de normalización; a historia propia escrita por outros ou a importancia dos topónimos e a atención que a eles debemos prestar.

Así pois, guiados por Martín Veiga falamos de lingua, porque como na Mesa quedou dito a lingua é o noso lugar, o noso lar, o noso país. Esta foi a miña intervención inicial:

Neste lugar do mundo

Hai tres anos escribín o poema Neste lugar do mundo. Nel reflexionaba sobre a miña lingua: a primeira filla do latín na Península Ibérica que pasou de ser lingua de cultura na Idade Media a desaparecer da produción literaria escrita até o XIX. Unha lingua negada que loitamos por manter viva. Por iso o poema di:

aprendemos a lingua do colonizador
como se fose a nosa lingua propia
adestrándonos na súa áspera pronuncia
memorizando todas as palabras alleas
que couberon na cunca do leite con galletas


Forzosamente educadas nunha lingua que non era a nosa, acabamos por non recoñecernos,

xogabamos alleas ás nosas propias vidas
sen nos recoñecer nos lugares que nos rodeaban


Mais un día, talvez a través dun avó descoidado que falaba galego diante nosa ou descubrindo o mundo da aldea ou mesmo tras a lectura dun libro, espertamos

como foi?
se cadra foi no barolo dos libros que non estaban nos andeis
porque non tiñan a encadernación de pel que os igualaba
foi así?, desaprendendo asperezas e halando
do fondo da memoria cada palabra pronunciada para que non escoitaramos?
foi así como recuperamos o sanguiño e as ervilles
o tormentelo ou o poexo?


Aos poucos tomamos conciencia,

como maceiras novas enxertadas no estripeiro
recompuxemos as células leñosas e comezamos chuchar da terra


e grazas á loita das xeracións que nos precederon a lingua que falaran as nosas avoas entraba na escola, aprendiámola. Entón atopamos o noso tesouro

a artesa gardaba o formento e a fariña terceada
até que erguemos a súa tampa e descubrimos
que aquel era o pan que nos saciaba

Porque nos atopamos a nós mesmas, reconciliámonos coa nosa identidade, e soubémonos habitantes dun mundo construído coa forza de redeiras e mariñeiros, costureiras, labregos, xornaleiras, xente humilde que cantaba, cantaba cando sementaba, cantaba cando recollía. Mulleres e homes que pasaron noites de medo e frío ante a lareira e ao calor do lume contaban historias que ás veces eran a súa propia Historia e así, entre cinza, sachos, escamas e patelas a lingua chegou a nós e é o noso herdo máis prezado. Por iso, gardámola e mimámola para entregarlla de novo ás nosas fillas.
Como un día nos legaron a casa, a chalana ou a leira.

É a nosa responsabilidade, manter o lume da lingua aceso.

garda sempre unha presadiña de masa
e sementa centeo e trigo, millo
para que a fame amaine
para que xoguen a seren arquitectos
dun futuro que se recoñeza
neste lugar do mundo


Marta Dacosta, outubro de 2014.
Comentarios (0) - Categoría: artigos - Publicado o 01-11-2014 18:09
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática