acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Bágoas de Morgana
Este luns 27, partía Begoña Caamaño. Pedíronme unhas palabras e só souben dicir isto:



“O espazo que habitamos sempre nos marca de forma importante.” Da voz de Morgana, Morgana en Esmelle


Aínda estes días amparábame nunhas palabras de Begoña Caamaño pola súa radical claridade á hora de definir a posición desde a que escribimos algunhas mulleres hoxe: “Escribo dende un xénero excluído e dende unha lingua minorizada e asumo a responsabilidade que esa escolla conleva. Sentiríame culpable se as miñas personaxes e as miñas historias traizoasen os meus ideais.” Subscribo unha por unha as súas palabras, palabras que se recollen nunha entrevista para o Observatorio da Mariña pola Igualdade no ano 2013. Por iso as enarborei cando estes días volvía reflexionar sobre a importancia das achegas das escritoras á historia da literatura en xeral, e á galega en particular.

E foi precisamente Begoña Caamaño unha autora consecuente coas súas palabras e que desde as súas novelas contribuíu a crear historias novas, para unha realidade nova e máis xusta. E así entrou en diálogo coa literatura para rescatar, reconstruír e defender dúas personaxes como Circe e Morgana. Un diálogo que, ademais, no caso de Morgana en Esmelle obtivo o recoñecemento de premios como o Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores, o Premio da Crítica, o Antón Losada Diéguez de creación literaria e mesmo o Premio da AELG á mellor obra de narrativa do ano 2012, que é o mesmo que recoller o recoñecemento dos colegas das letras que así coincidiron en sinalar que a súa fora a mellor obra narrativa dese ano.

Deste xeito colocou no centro da historia a Morgana, para que fose ela a falar da súa propia historia, sen intermediarios nin manipuladores: “Eu son Morgana e esta é a miña historia. Contada por min mesma, coa miña voz. A única historia en que me vexo e en que me recoñezo. Por mais que haxa quen lembre doutro modo os feitos.” Nunha representación do necesario feito de que as mulleres tamén sexan o centro da escena e desta volta donas das palabras, sen intermediarios que disimulen ou oculten o que realmente viviron. Cun lapis lila que nos deseñe como realmente somos. Algo que debemos valorar como unha contribución fulcral á historia da literatura.

Hoxe apagouse a súa voz. Xa non volverá rescatar mulleres afeadas entre as páxinas dos libros, descritas cunha estilográfica patriarcal. E sentimos que nos foi roubada. Talvez por iso a miña memoria recupera estes versos que hoxe quero dedicarlle a Bea Caamaño:



así que te maldigo e declaro
que odio a túa sentenza inapelábel
imposta nun contrato desigual
que me xogo contigo o tempo que me queda

obrigarasme a cumprir este contrato
mais loitarei
aínda que deixe a vida


27 de outubro de 2014.

Artigo publicado no semanario Sermos Galiza.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 31-10-2014 18:11
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática