acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

Luísa Villalta
Este 28 de setembro, no Teatro Rosalía de Castro, a Asociación de Escritoras e escritores en Lingua Galega (AELG) homenaxeará a memoria de Luísa Villalta, autora de versos imprescindíbeis coma estes:
...
porque por ela nos mataron e aínda nos apontan
co fusil do dedo acusador,
cando ousamos pronunciar,
coa boca chea do que somos e queremos,
o nome teu, Galiza.

Así finaliza o poema "Materia de Alexandre Bóveda" co que Luísa agasallou á nosa amiga Pilar García Negro cando deixou o seu labor parlamentario.
Este poema precisamente permítenos lembrar que Luísa Villalta foi unha voz comprometida co noso país e que desde ese compromiso creou. Porque dalgunha forma a creadora non pode prescindir de feito innegábel de que escribe desde unha realidade inalienábel: a súa condición de galega.
Nestes anos, moitas foron as veces que acudín ao amparo das palabras de Luísa Villalta para defender os meus argumentos, e foi nomeadamente para explicar e tomar posición respecto do feito incuestionábel de que a nosa condición de mulleres galegas é o lente desde o que vemos a realidade e desde o que a proxectamos.
Foi así que invoquei un seu ensaio para defender que unha das evidencias da homologación definitiva de escritores e escritoras sería a da irrelevancia do sexo do autor/autora á hora de abordar a súa obra, escribir sobre un determinado tema, tratalo dun determinado xeito, “... convivencia indiferente nos mesmos apartados en que profesoras e profesores soen clasificar os seus estudos de literatura.” Este argumento redundaba e servía de conclusión ao fío discursivo que eu propoñía: que a achega realizada polas escritoras á creación literaria, empregando materiais e ópticas que até entón non frecuentaran a literatura, foran recollidos e empregados tamén por voces masculinas até o punto de que determinados temas e modos que un día interpretaramos como evidencia dunha autoría feminina, non o eran xa, en termos absolutos, especialmente entre as escritoras e escritores da miña xeración, calquera que ela sexa.
O ensaio ao que fago referencia titúlase “Por qué os homes non nos len? (A difícil homologación da literatura escrita por mulleres)” (Escrita e mulleres. Doce ensaios arredor de Virginia Woolf, 2003, p.p. 61-84) e nel Luisa Villalta reflexiona sobre o avance cara a unha sociedade igualitaria, os elementos que poden estar a entorpecer ese avance e as trampas que se constrúen usando a mensaxe feminista que “está a ser reutilizada como un novo meio de aclimatar unha nova feminidade, isto é, mudar o necesario para que nada mude.” Luísa Villalta insiste en que as transformacións sociais que precisamos as mulleres deben atinxirnos colectivamente a todas e todos, pois non son privativas do noso xénero senón un avance común: “Os homes non teñen outro meio de defender a súa propria liberdade se non é defendendo conxuntamente a das mulleres e isto só se consegue coa transformación dos espacios, do espacio privado, para que non sexa privativamente feminino, e do espacio público, para que se convirta no espacio da palabra, do diálogo e do intercambio. Os homes non teñen nada que consentir nen conceder ás mulleres: só ver, escoitar, respeitar e, por que non, aprender do que dicemos e escrebemos”.
Esas mesmas ideas: a necesidade de transformar os espazos e a constatación da invisibilidade social da muller son os vimbios cos que Luísa constrúe o poema de Ruído (1995) "Os teus pasos de home e os meus ..." no que podemos ler estes versos:
"...
Pergunto outra vez, a cada un que pasa,
se de verdade son unha muller, o que é iso,
se me enganaron sempre ou teño algun camiño.
Todos os que me van cruzando non me acertan.
Sen embargo o que son, unha muller, ao cabo é todo
o que sei de min no espello en que me levas.
..."

Luísa Villalta foi unha creadora sensíbel que nos deixou unha obra literaria diversa que hoxe nos axuda a comprender a importancia dun dos cambios literarios de maior transcendencia de finais do XX, cambio que é resultado das mudanzas sociais do século e do papel que moitas escritoras asumiron e asumen: a incorporación dun mundo considerado privativamente feminino como materia literaria. Un elemento este que pon outra luz e modifica a perspectiva coa que se ten abordado a clasificación das autoras e dos autores nesa época.
No ensaio que citamos, veñen ao caso nestes días en que as mulleres vemos o resultado das mobilizacións contra unha lei retrógrada estas palabras súas: “… mulleres liberadas por influencia do feminismo, donas de si, independentes economicamente, sobre todo cando se obvia a institución familiar, isto é, cando as mulleres non teñen fillos.”
Este final de setembro Luísa Villalta estará de novo presente entre nós, na música das voces que lerán os seus versos, uns versos escritos para un lector e unha lectora modelo porque “a expectativa de recepción resulta especialmente significativa no caso das literaturas de resistencia como a galega, xa que tal expectativa responde á necesidade de construir un modelo sociolóxico de leitor e leitora capaz de facer frente ás agresións da cultura dominante que o poder político impón.” (O outro lado da música, a poesía, 1999)
A súa obra é, precisamente, unha das ferramenta imprescindíbeis para construírmonos como lectoras resistentes, espertas ás agresións que aínda nos asedian.

Setembro 2014.
Publicado en Terra e tempo.
Comentarios (0) - Categoría: A muller que le - Publicado o 28-09-2014 11:40
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática