acuática



Xanela de Marta Dacosta
acuatica07@gmail.com
 CONTIDOS
 OBRA
 ANTERIORES
 Arquivo
 BUSCADOR
 outras xanelas

De onde virá esta auga?

O domingo 6 presentouse no monte de Estás o libro Estás na auga, un libro de homenaxe á auga que recompila ilustracións de varios autores e os poemas do alumnado do CRA de Tomiño e de varios poetas convidados por Francisco Álvarez Koki.

A miña achega foi un texto que fala das fontes literarias, e está composto por:
I) Unha autopoética publicada en: Teresa Seara, Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea, 2011, Caracas.
II) Un poema do libro Dun lago escuro.

Velaquí esas fontes:

De onde virá esta auga?

Coma esa fonte, esa que nace nunha volta do camiño, baixo un castiñeiro.

A auga nace fría, moi fría, e percorre a pedra até chegar a unha folla de magnolio desde a que cae en fervenza contra o chan. De onde virá esta auga? Sei que vén de lonxe, dunha mina profunda no monte e que percorreu un longo camiño, entre a terra e as raíces, oculta á luz e ao coñecemento. Sei que naceu do paso do inverno, das chuvias que atravesaron a cúpula vexetal e empaparon a terra, empuxando os pequenos gomos ocultos.

Sei que escavou o seu leito unha e outra vez, durante días e días, unha e outra vez, unha e outra vez... sen deterse, buscando un oco para saír á luz e desbocarse, como as eguas que galopan ese mesmo monte sobre o mar, fronte ás illas...


crava as uñas alí onde supós
que está o centro do peito
xusto enriba do esterno, entre as costelas
e observa a coiraza que protexe pulmóns
e corazón, motores desta máquina imperfecta


son músculos
que obedecen
impulsos eléctricos
sodio e potasio intercambiando cargas

química

xa sei
que nos dotamos de argumentos racionais
que explican
a mecánica dos impulsos
o engrenaxe dos sentidos
que somos enerxía en tránsito
e aínda así
esta fonte deita auga desde mananciais ignotos
a pesar da seca que a destempo
xustifica os incendios xa previstos

é
unha chispa de desequilibrio
a que move todos e cada un dos mecanismos
cos que nos entregamos
cos que nos ocultamos
cos que nos traizoamos

soñamos
ou vivimos
Comentarios (0) - Categoría: textos editados - Publicado o 09-07-2014 21:02
# Ligazón permanente a este artigo
Chuza! Meneame
Deixa o teu comentario
Nome:
Mail: (Non aparecerá publicado)
URL: (Debe comezar por http://)
Comentario:
© by Abertal
Acuática