 (imaxe de El progreso, do día 10 de maio)
O pasado venres 9, Verónica Martínez Delgado acompañoume na presentación de Argola no Lar da Asociación Cultura do País en Lugo.
Na súa presentación subliñou a lectura contra o maltrato e, especialmente, contra o maltrato infantil que, dalgún xeito, tamén está presente no libro. Falou das agresións que sufrimos as mulleres, da violación. Leu algún dos poemas que configuran unha liña de exaltación do corpo que xa foi destacada por outr@s lector@s e que no libro teñen a función de sumar elementos de denuncia da dominación, tamén sobre o noso corpo e a nosa sexualidade.
Previamente realizou unha presentación da miña obra e referiuse a cando nos coñecemos, en 1996, nun recital nunha faculdade compostelá. Contou que ao remate do recital se achegou a falar comigo para dicirme canto lle gustaran os meus poemas e eu agasalleina cun exemplar de Crear o mar en Compostela, así, sen máis, o que ela denominou como un acto de xenerosidade.
Eu, hoxe, agradézolle a Verónica a súa lectura atenta e ter rescatado para a miña memoria este feito.
Non deixou de ser curioso ter recitado Argola ao pé das murallas de Lugo. |